Abre a inscrición para o programa de intercambio escolar do Eixo Atlántico
O Concello abre este luns 22, o prazo de inscrición para o programa 'III Intercambio escolar do Eixo Atlántico'. Poderán solicitala gratuitamente todos os centros educativo da cidade que desexen participar nel. O intercambio levarase ao cabo entre os meses de abril e maio do 2024.
O programa está dirixido a grupos escolares formados por un máximo de 30 participantes que cursen 5º ou 6ºcurso de primaria nun centro de educación pública do Concello da Coruña. Co obxectivo de facilitar o intercambio entre escolares de diferentes municipios do Eixo Atlántico, reforzando o seu coñecemento cultural e os lazos entre os territorios da Eurorrexión.
De acordo coas bases do programa, o grupo de traballo de Educación e Cultura do Eixo Atlántico realizou o sorteo de destinos do programa resultando que A Coruña realizará este curso intercambio co municipio portugués de Felgueiras.
Os centros educativos que desexen participar deberán achegar a súa solicitude de inscrición mediante a ficha dispoñible na web municipal de Educación antes do vindeiro xoves 1 de febreiro. Posteriormente, deberán realizar unha memoria coa proposta do proxecto de actividades a desenvolver na Coruña co grupo visitante portugués, con prazo máximo do 15 de marzo.
Trátase dun programa de carácter gratuíto, de xeito que os concellos da Coruña e Felgueiras faranse cargo de todos os gastos (desprazamentos, aloxamento e comidas, seguros de viaxe e de responsabilidade civil e acompañamento) e do apoio na organización de vistas e itinerarios de visita.