Abre a convocatoria de novas axudas para a rehabilitación en Betanzos
O Concello de Betanzos abriu o prazo de convocatoria de axudas para o plan barrios, no que os veciños e veciñas que realicen obras nas súas vivendas na área de protección do centro histórico poderán presentar solicitudes. Repartiranse, en total, 638.000 euros, financiados dentro do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (colaboración do Ministerio de Vivenda, a Xunta e o Concello).
A finalidade destas axudas é financiar obras ou actuacións nas que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria (fachadas, xanelas, cubertas, medianeiras…). Está dirixida a edificios completos de uso predominante residencial para vivenda, xa sexan edificios de vivenda unifamiliar ou de tipoloxía residencial colectiva, segundo explicou hoxe a alcaldesa, María Barral.
Son subvencionables todas as actuacións de rehabilitación ou mellora que se realicen no edificio, mesmo aquelas que non son de eficiencia enerxética, sempre que no conxunto das obras se poidan alcanzar os requisitos esixidos. O inmoble para o cal se solicita a axuda debe estar incluído na Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) do “Conxunto histórico de Betanzos e a súa zona de protección”, o cal inclúe os barrios da Nosa Señora do Camiño e da Magdalena.
A solicitude de participación pódese presentar ata o 30 de decembro de 2025.
As persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Rehabilitación para presentar consultas preferentemente mediante correo electrónico (ari@betanzos.net). Ademais, poderase recibir atención no teléfono 981 773 690 (dispoñible en horario de 09:00 h a 14:00 h) ou presencialmente (09:00 h a 14:00 h, cita previa no enderezo electrónico e teléfono indicados).