Aberto o prazo para participar no 29º Premio de Poesía Concello de Carral

ACoruñaXa
O certame, un dos referentes da poesía galega, premiará con 3.500 euros o poemario gañador, que publicará Edicións Espiral Maior
CARRAL premio poesía
23 Feb 2026

O Concello de Carral vén de activar unha nova convocatoria do seu Premio de Poesía, que chega á 29ª edición coa intención de volver situar o municipio no mapa literario galego. O concurso mantén a súa aposta pola creación en lingua galega e ofrece un premio único de 3.500 euros, ademais da publicación da obra vencedora en Edicións Espiral Maior.

Os poemarios deberán ser orixinais e inéditos, non estar premiados noutros certames no momento da deliberación e contar cun mínimo de 500 versos. Poderán participar autores e autoras maiores de idade, de calquera nacionalidade, aínda que quedan fóra as persoas gañadoras das últimas dez edicións.

O prazo para presentar traballos permanecerá aberto ata o 20 de marzo de 2026 e a entrega realizarase exclusivamente por vía dixital, a través do rexistro habilitado polo Concello. As obras deberán remitirse en formato pdf, con páxinas numeradas, tipografía Arial tamaño 12 e unha portada co título e un lema ou alcume, mantendo o anonimato e evitando datos persoais nos metadatos do arquivo.

A decisión do xurado farase pública no mes de maio. O acto de entrega do premio celebrarase o venres 5 de xuño de 2026, nun evento no que tamén se presentará o libro ‘Especies invasoras’, de Branca Trigo, gañadora da edición anterior, e no que será obrigatoria a presenza da persoa premiada. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia colabora no desenvolvemento do concurso.

Para resolver dúbidas, as persoas interesadas poden contactar en cultura@carral.es ou no teléfono 981 672 580.

0.090199947357178