Aberto o prazo en Curtis para participar no torneo de pádel do 20 de xuño

A Área de Deportes e Saúde do Concello de Curtis mantén aberto o prazo de inscrición para o torneo de pádel que se celebrará o vindeiro sábado, 20 de xuño, nas pistas municipais de Curtis e Teixeiro.
A competición desenvolverase ao longo de toda a xornada, en horario de 9.00 a 20.00 horas, e está pensada para parellas de nivel medio-avanzado. A categoría será única, polo que poderán participar parellas masculinas, femininas ou mixtas.
O torneo terá un límite máximo de 16 parellas e un mínimo de oito para poder disputarse. A organización establece unha fase de grupos, seguida dunha fase ouro e dunha fase de consolación, co obxectivo de garantir varias partidas ás persoas participantes e favorecer unha xornada deportiva aberta á convivencia.
A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata o 5 de xuño. As persoas interesadas deberán anotarse na Casa do Concello de Teixeiro ou nas oficinas municipais de Curtis.
Desde a organización sinalan que terán preferencia as parellas que participan na liga municipal de pádel, aínda que a convocatoria está aberta a todas aquelas persoas que queiran sumarse á actividade dentro das prazas dispoñibles.
Con esta proposta, o Concello de Curtis continúa a fomentar a práctica deportiva e o uso das instalacións municipais, reforzando unha programación pensada para promover hábitos saudables e a participación veciñal.