Abre o prazo de inscrición para unha andaina polo Camiño Inglés
O alumnado do obradoiro de emprego 'Unha ventá ao porto medieval da Coruña' do Concello organiza unha actividade para a posta en valor do Camiño de Santiago na comarca. O vindeiro 13 de setembro realizarase unha andaina guiada pola segunda etapa do Camiño Inglés, gratuíta e aberta a todos os públicos.
A ruta conta cun percorrido de 14 quilómetros de baixa dificultade. Ten como punto de saída a Igrexa de Santiago do Burgo ás 8.30 horas da mañá, rematando ao chegar a Aquelabanda, en Abegondo. Para favorecer a participación e mobilidade, porase un autobús de regreso dende Aquelabanda ao punto inicial da ruta. Tamén realizará unha parada fronte á Estación de Autobuses da Coruña.
En total a ruta conta cun total de 55 prazas dispoñibles. As persoas interesadas en realizar a andaina deberán inscribirse no seguinte formulario antes do vindeiro 9 de setembro.
A posta en marcha desta actividade, a través do obradoiro de emprego 'Unha ventá ao porto medieval da Coruña', enmárcase na aposta do Goberno de Inés Rey para a dinamización cultural e turística da cidade e a súa área, poñendo en valor o seu patrimonio.
Para máis información sobre o programa de emprego, poden consultarse as súas redes sociais: instagram (@co.cu.me), facebook (Cocume Coruña) e TikTok (@co.cu.me).