Aberto o prazo de inscrición para o Campamento Concilia Nadal en Oza-Cesuras
O Concello de Oza-Cesuras pon en marcha unha nova edición do Campamento Concilia Nadal, unha iniciativa que ofrece unha opción de lecer saudable para a rapazada de entre 3 anos (escolarizados) e 12 anos durante as vacacións escolares. O campamento terá lugar nos días non lectivos comprendidos entre o 23 de decembro de 2024 e o 7 de xaneiro de 2025, no Edificio de Servizos Múltiples de Lois.
Os asistentes poderán gozar dunha ampla variedade de actividades, entre elas xogos educativos, dinámicas lúdicas e deportes, nun ambiente deseñado para combinar diversión e aprendizaxe.
O prazo de inscrición estará aberto desde o 27 de novembro ata o 10 de decembro, ambos incluídos. Os interesados poden presentar a solicitude de forma presencial nas sedes municipais de Oza ou Cesuras, ou ben a través da sede electrónica do concello.
O campamento dividirase en dous grupos horarios, co inicio das actividades ás 7:30 ou ás 9:00 da mañá e finalización ás 15:00 horas, adaptándose así ás necesidades das familias.