Aberto o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Golf de Oleiros para o curso 2026-2027

O Concello de Oleiros abriu o prazo de inscrición para a Escola Municipal de Golf de cara ao curso 2026-2027. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes de nova inscrición ata o vindeiro 6 de agosto a través da Sede Electrónica municipal.
A actividade está destinada a nenos e nenas nados entre os anos 2009 e 2016 e desenvolverase no Campo de Golf de Xaz entre o 1 de outubro de 2026 e o 31 de maio de 2027. As sesións celebraranse coincidindo co calendario escolar.
O programa estrutúrase en oito quendas de 45 minutos por sesión, coa posibilidade de escoller entre asistir un ou dous días á semana. O prezo será de 8 euros mensuais para unha sesión semanal e de 17 euros ao mes para dúas sesións.
A posta en marcha desta iniciativa forma parte do interese do Concello por promover a práctica do golf entre a poboación en idade escolar do municipio. A Escola Municipal de Golf desenvólvese grazas ao convenio de colaboración subscrito entre o Concello de Oleiros e as sociedades que xestionan o campo de golf de Xaz.