Aberto o prazo de inscrición na programación de lecer para a primavera no Ágora e no Fórum Metropolitano

ACoruñaXa
Obradoiros creativos para todas as idades, cunha oferta específica para maiores de 70 anos
Imaxe do Fórum Metropolitano
8 Jan 2025

O Concello da Coruña abriu o prazo de inscrición para a programación de lecer que terá lugar no Centro Sociocultural Ágora e no Fórum Metropolitano entre o 3 de febreiro e o 31 de maio. A oferta inclúe obradoiros e actividades en áreas como artes plásticas, cinema, literatura, teatro, debuxo artístico, fotografía, música, baile tradicional e cociña, fomentando a participación cidadá e o desenvolvemento creativo.

A preinscrición nos novos obradoiros desta tempada estará aberta entre o 10 e o 13 de xaneiro, co obxectivo de facilitar a participación de novos usuarios. Ademais, aqueles que xa participen nos obradoiros de continuidade poderán realizar o pagamento das súas cotas ata este venres 10.

O programa tamén inclúe unha oferta específica para persoas maiores de 70 anos, con actividades orientadas ao seu benestar físico e cognitivo. Entre as novidades destaca o obradoiro "Mente dixital: Adestra o teu cerebro", no que os participantes aprenderán a usar os seus teléfonos móbiles para estimular a memoria e manter activa a súa mente. “Esta iniciativa busca combater a soidade non desexada e promover a saúde mental nas persoas maiores”, explicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

Tres opcións para formalizar a inscrición

A preinscrición nas actividades poderá realizarse a través de tres vías:

  1. En liña: Na páxina web da área de Cultura do Concello.
  2. Axuda telefónica: No número 604 272 419, dispoñible de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, para persoas con dificultades de acceso a Internet.
  3. Presencial: Nos vestíbulos do Ágora e o Fórum Metropolitano, de 09:00 a 14:00 horas.

Tras o proceso de preinscrición e o sorteo público de prazas, a listaxe definitiva publicarase o 20 de xaneiro na páxina web do Concello e tamén estará dispoñible a través do teléfono 010.

As actividades teñen unha cota de inscrición de 40 euros para persoas menores de 65 anos e de 28 euros para maiores de 65 anos. Desenvolveranse entre o 3 de febreiro e o 31 de maio, ofrecendo unha ampla variedade de opcións para fomentar a creatividade e o lecer entre todos os coruñeses.

0.16061997413635