Aberto o novo espazo biosaudable do parque Europa

ACoruñaXa
Un proxecto ideado para promover o exercicio físico ao aire libre
Biosaudable parque europa
8 Dec 2024

No que vai de ano, o Concello xa creou outra instalación semellante na praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto, e tamén cuadriplicou a superficie do espazo biosaudable situado a carón do centro cívico de Palavea.

A Coruña, 6 de novembro de 2024. O Concello completou esta semana os traballos de construción do novo espazo biosaudable do parque Europa, un equipamento que amplía as opcións para a práctica deportiva e o exercicio físico neste enclave de Catro Camiños, que xa conta cunha pista de baloncesto ao aire libre.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou polo miúdo a intervención, que comezou a finais de outubro no sector sureste do parque. Alí aproveitáronse espazos públicos dispoñibles para instalar tres áreas individuais con equipamentos deseñados para que as persoas usuarias, especialmente as de idades máis avanzadas, poidan traballar a flexibilidade, mobilidade articular e o control postural.

“O espazo biosaudable do parque Europa ten unha superficie total de case 150 metros cadrados e está equipado cun firme de caucho que reforza a seguridade das persoas usuarias”, explicou Díaz. Tamén destacou a importancia de “detectar espazos públicos infrautilizados ou carentes de uso para dar resposta ás demandas e necesidades da veciñanza”.

A concelleira sinalou que, ademais do parque Europa, esta liña de traballo tamén se seguiu en lugares como a praza José Toubes e o parque de Vioño, onde recentemente se habilitaron áreas de calistenia en zonas que antes só se usaban como espazos de lecer.

No caso específico das áreas biosaudables, o Goberno de Inés Rey impulsou nos últimos meses este tipo de instalacións, atendendo as peticións da veciñanza. Froito deste traballo de continuidade, no que vai de ano xa se abriu un novo espazo na praza do Parque, entre Orillamar e Monte Alto, e tamén se cuadriplicou a superficie das instalacións situadas a carón do centro cívico de Palavea.

⚙ Configurar cookies
0.37013006210327