Aberto o calendario de inscrición no Conservatorio Municipal de Culleredo para o curso 2026/2027

ACoruñaXa
O centro celebrará unha reunión informativa e xornadas de portas abertas para as familias interesadas nos estudos musicais
conservatorio-culleredo
24 Apr 2026

O Conservatorio Municipal de Música de Culleredo xa prepara o próximo curso académico. O centro fixo público o calendario de inscrición, probas de acceso e matrícula para o curso 2026/2027, dirixido ao alumnado que queira cursar estudos de Grao Elemental e Grao Profesional.

Co obxectivo de facilitar toda a información ás familias e ás persoas interesadas, o Conservatorio organizará unha reunión informativa centrada no acceso a 1º de Grao Elemental. Durante o encontro explicarase como será a proba de acceso, de que maneira se desenvolverá o proceso e cal será o sistema de adxudicación de prazas. Tamén se resolverán as dúbidas que poidan xurdir entre os asistentes.

A reunión terá lugar o luns 27 de abril, ás 19.30 horas, no salón de actos do propio centro.

Ademais, o Conservatorio abrirá as súas instalacións á cidadanía con varias xornadas de portas abertas, que se celebrarán entre o martes 5 e o venres 8 de maio en horario de tarde. As persoas que se acheguen poderán coñecer as aulas, visitar os espazos do centro e informarse sobre o seu funcionamento diario.

No que respecta aos prazos de inscrición, o período para 1º de Grao Elemental estará aberto do 28 de abril ao 15 de maio. Para 1º de Grao Profesional, as solicitudes poderán presentarse entre o 18 e o 25 de maio, mentres que para o resto dos niveis, de 2º a 4º de Grao Elemental e de 2º a 6º de Grao Profesional, o prazo irá do 28 de maio ao 3 de xuño.

Unha vez rematada a inscrición, publicaranse as listaxes de persoas admitidas, xunto coas datas e horarios das probas de acceso, previstas para mediados de xuño. A matrícula do alumnado que obteña praza formalizarase a finais dese mesmo mes.

Nos niveis de iniciación, a preinscrición abrirase do 31 de agosto ao 11 de setembro. Neste caso, a adxudicación de prazas realizarase mediante sorteo e non será necesario superar probas de acceso.

Toda a información sobre os prazos de fin de curso, recuperacións, inscricións e matrículas pode consultarse na web municipal, culleredo.es, ou directamente no Conservatorio Municipal, que atende ao público de 16.00 a 21.00 horas.

0.11690092086792