Aberta a convocatoria do premio que recoñece a recuperación da paisaxe galega

ACoruñaXa
A Fundación Juana de Vega, con sede en Oleiros, concederá 6.000 euros á mellor intervención no patrimonio construído e a súa contorna
A CORUÑA premio juana de vega
1 May 2026

A Fundación Juana de Vega abriu a convocatoria do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2026, que nesta edición distinguirá proxectos vinculados á recuperación do patrimonio construído e á posta en valor da súa contorna. O certame chega á súa XXII edición e busca recoñecer actuacións que contribúan de forma directa á mellora da calidade paisaxística en Galicia.

A categoría convocada este ano é a de 'Patrimonio construído e a súa contorna'. Poderán presentarse intervencións realizadas en Galicia e rematadas entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025. O prazo para remitir candidaturas permanecerá aberto ata o venres 3 de xullo, e poderán facelo as persoas autoras ou promotoras dos proxectos.

O galardón conta cunha dotación económica de 6.000 euros. Ademais, o xurado poderá conceder ata dous accésits, cunha contía de 1.500 euros cada un. As propostas deberán presentarse por correo postal ou de maneira presencial na sede da Fundación Juana de Vega, situada en San Pedro de Nós, no municipio de Oleiros.

Entre os criterios de valoración figuran a calidade da intervención, a súa achega á mellora da paisaxe, a incorporación de medidas de sostibilidade, o uso racional dos materiais, as estratexias de proximidade e economía circular, a adecuación aos usos previstos e a capacidade da obra para converterse nun referente social. A composición do xurado farase pública nas próximas semanas e estará integrada por profesionais de prestixio no ámbito da arquitectura, o territorio, a paisaxe, a arte e a cultura.

O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe naceu no ano 2004 coa finalidade de poñer en valor a paisaxe como parte esencial do patrimonio colectivo e como recurso con potencial social, cultural e económico. As súas tres categorías actuais convócanse de maneira rotatoria cada tres anos: 'Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna', 'Edificacións e instalacións produtivas no medio rural' e 'Intervencións en espazos exteriores'.

Na modalidade que se convoca este ano, a Fundación xa recoñeceu en edicións anteriores proxectos como Acouga Hotel Boutique, en Celanova; a recuperación do núcleo rural da Míllara e os seus viñedos, en Pantón; ou a caracterización e posta en valor do Castro de Arxeriz, no Saviñao.

Coa nova convocatoria, a Fundación Juana de Vega anima a profesionais, administracións, empresas e entidades a presentar proxectos que sirvan de exemplo na protección, recuperación e dinamización da paisaxe galega.

0.12185406684875