Abegondo presenta recurso de alzada contra a ampliación da subestación de Folgoso

ACoruñaXa
O Concello pide a nulidade por diversas causas como o impacto ambiental, a falta de consideración dos proxectos eólicos coas súas liñas de evacuación ou as afeccións en todos os ámbitos
ABEGONDO subestación eléctrica
28 Nov 2026

O Concello de Abegondo presenta recurso de alzada contra a ampliación autorizada polo Estado da subestación eléctrica que Red Eléctrica Española xa constrúe en Folgoso. Trátase dunha nova acción impulsada polo goberno local para defender os intereses do municipio ante unha actuación que supón unha afección irreversible no territorio.

O Concello reclama a nulidade da resolución do 13 de outubro de 2026, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se lle outorga a Red Eléctrica a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para ampliar o futuro parque de 400 kV cunha nova reactancia. O Concello pide a suspensión da execución da devandita resolución, toda vez que «causará prexuízos de imposible ou difícil reparación».

«Esta subestación supón un impacto desmedido e a localización elixida é unha aberración sen xustificación algunha», reitera o alcalde, José Antonio Santiso. Son oito as alegacións presentadas no recurso.

En primeiro lugar, o Concello expón a necesidade de que o expediente se tramite como nova construción e non como ampliación dunha existente. E é que «dificilmente pode ampliarse unha subestación que a día de hoxe non existe».

En segundo lugar, o Concello alerta da nulidade de pleno dereito da resolución pola falta de avaliación de impacto ambiental. «Preténdese, nin máis nin menos, que outorgar as autorizacións para ampliar unha subestación de 400 KV, QUE AÍNDA NON SE CONSTRUÍU, nun espazo declarado pola UNESCO Reserva da Biosfera», recolle o recurso.

O goberno local defende que debe ser obxecto de avaliación ambiental un proxecto deste calado que está dentro da Reserva, de acordo coa lexislación en patrimonio natural. A resolución ministerial afirma que a infraestrutura non require avaliación de impacto ambiental, pero a súa propia relación de antecedentes recolle unha advertencia cualificada da Dirección Xeral de Saúde Pública: o proxecto pode ter afección na saúde pública e a información sobre saúde ambiental é insuficiente.

Entre as posibles afeccións relatadas polo Concello no seu recurso atópanse os danos ao medio natural, á flora e á fauna, a introdución de especies invasoras que atentan contra a biodiversidade, o risco de incendios forestais ou o impacto sobre a paisaxe. Tamén advirte de prexuízos á hidroloxía, xa que non se valoraron no proxecto as consecuencias de evacuar augas carecendo de rede de pluviais.

As posibles afeccións á hidroloxía da zona deben terse en consideración, polo que resulta imprescindible avaliar a calidade da auga dos ríos e das augas subterráneas. Ademais, o Concello fai fincapé nas afeccións ao patrimonio cultural e ao Camiño de Santiago, ao faltar a precisa prospección e avaliación paisaxística.

Finalmente, o recurso alerta das afeccións sobre a saúde, por mor do ruído ás vivendas e núcleos próximos, sen contemplar un estudo acústico específico.

En terceiro lugar, a sinerxía con outras infraestruturas proxectadas, como os parques eólicos coas liñas de evacuación que conectarían con esta subestación, é outra das grandes preocupacións. «Causarían un impacto irreparable no territorio da Reserva da Biosfera», expón. Por iso, o Concello «considera imperativa» unha avaliación conxunta de todas as instalacións.

«A subestación e a ampliación da mesma, fronte á cal manifestamos o noso reparo, non pode ser considerada illadamente desde o punto de vista ambiental con respecto a outros proxectos que se relacionan directamente coa mesma, formando materialmente parte dun conxunto. E, se así se fai, se se prescinde dunha avaliación ambiental do conxunto e dos correspondentes estudos de efectos acumulativos e sinérxicos, situámonos ante unha fragmentación artificiosa de proxectos contraria ao Dereito interno e ao Dereito da Unión Europea», sinala.

Noutra alegación, a nivel urbanístico, o Concello informa de que o solo onde a entidade estatal pretende instalar a subestación está cualificado como rústico de especial protección forestal no PXOM. Advírtese de que o proxecto NON é compatible co planeamento urbanístico ao incumprir diversas determinacións tanto do Plan como da Lei do Solo.

Ademais, o Concello advirte de que contravén o dereito da Unión Europea pola falta de posta á disposición dos informes sectoriais. Noutras dúas alegacións, o recurso abonda en que a resolución das alegacións iniciais presentadas polo Concello de Abegondo e a ausencia de declaración de utilidade pública foron ditadas por un órgano incompetente. Finalmente, a última observación municipal incide no incumprimento dos prazos por parte do promotor.

«Xa anunciei, e así seguiremos, que utilizaremos absolutamente todas as vías e medios posibles para defender os dereitos da veciñanza de Abegondo», afirma o alcalde.

0.53224110603333