Abegondo destina máis de 100.000 euros para mellorar a seguridade peonil nun tramo do Camiño Inglés

ACoruñaXa
A nova senda peonil, de 1,80 metros de ancho, mellorará a seguridade viaria entre Barral de Arriba e O Fontao, cun prazo de execución de tres meses
Concello_de_Abegondo
24 sep 2024

O Concello de Abegondo saca a licitación por máis de 100.000 euros a creación dunha nova senda peonil na estrada provincial DP-0105, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nun tramo que coincide co Camiño Inglés. A actuación desenvolverase entre os núcleos de Barral de Arriba, na parroquia de Cos, e O Fontao, en Meangos, co fin de ofrecer un espazo seguro tanto para os veciños como para os peregrinos.

Actualmente, o espazo dispoñible para os peóns é inferior a 50 centímetros, o que representa un risco para o tránsito. Co novo proxecto, construiranse 1,80 metros de senda en formigón, ademais de instalarse sumidoiros para a recollida de augas pluviais.

O orzamento da obra ascende a 100.533,14 euros, financiados pola Deputación da Coruña, e o prazo de execución, unha vez formalizado o contrato, será de tres meses.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destacou que esta intervención forma parte das actuacións que o Concello está a levar a cabo para mellorar a seguridade peonil na DP-0105, subliñando a importancia de protexer aos viandantes nunha zona clave do Camiño de Santiago.

0.19001984596252