Abegondo celebrou o Día da Familia en Beche con máis de 2.000 asistentes
Este domingo, o parque fluvial de Beche en Abegondo acolleu novamente o multitudinario Día da Familia, reunindo a máis de 2.000 persoas. Este evento anual, celebrado dende 2014 e só interrompido pola pandemia, foi organizado polo Concello de Abegondo.
Antes de comezar coas actividades festivas, o Concello rendeu unha homenaxe a Belén Taboada, coordinadora de servizos sociais falecida o ano pasado. O alcalde entregou á súa familia unha orquídea, a flor favorita de Belén, e unha placa conmemorativa. "Belén destacaba pola súa dedicación exemplar, personalidade, atención, amabilidade e afecto cara as persoas que tivemos sorte de traballar e compartir momentos ao seu carón. Alá onde estea saberá que nunca nos esqueceremos dela", afirmou o rexedor.
Logo deste emotivo acto, os asistentes enchiron a carpa municipal e a área recreativa para compartir mesa e gozar das numerosas actividades e música en directo. As actividades lúdicas incluíron hinchables, obradoiros, competicións en familia, campionato de tute e paseos en carro de cabalos. No ámbito dos espectáculos, destacaron a función teatral de Crocodilo e o Mago Antón con 'Mil Maxias Máis 5.0'.
A verbena familiar animou aos participantes cos ritmos de Paco Lodeiro e Xilo & Carlos, quen ofreceron o espectáculo "Homenaxe ás Romerías Galegas" con varias actuacións sorpresa. Tamén contou coa animación da Charanga NBA.
O alcalde Santiso subliñou as posibilidades de Beche para "as actividades veciñais coma esta que seguiremos promovendo" nunha contorna que el describiu como "idílica, única en Galicia, que segue a medrar e cada vez ter máis posibilidades".
A organización do evento contou coa colaboración de Agadic, a Xunta de Galicia e a Deputación.