Abegondo amplía o prazo de exposición pública do proxecto de numeración dixital ata o 31 de agosto
O Concello de Abegondo informa da ampliación do prazo de exposición pública do proxecto de numeración dixital para todas as edificacións do municipio. Agora, os interesados poderán revisar a documentación e presentar as súas suxestións até o 31 de agosto.
Este proxecto ten como obxectivo a creación dun calleiro dixital georreferenciado, que se integrará coas bases de datos de xestión do territorio e estará adaptado para aplicacións como Google Maps.
A iniciativa comezou cunha análise do estado actual dos datos municipais, co fin de actualizar e dixitalizar a información existente. Identificáronse as zonas e edificacións que requirían unha nova numeración, abarcando vivendas, bens patrimoniais e edificios industriais.
Nos casos que impliquen un cambio de número ou domicilio, a empresa encargada do proxecto realizará as xestións pertinentes ante os organismos correspondentes para facilitar o proceso aos afectados. Ademais, o proxecto incluirá o desenvolvemento dun sistema de información xeográfica con datos actualizados e un visor para consulta. Cada inmoble contará cun pequeno rótulo indicativo da súa numeración e un código QR.