A XXV Festa do Cabalo de Teixeiro bate récords de participación e consolídase como referente ecuestre en Galicia

ACoruñaXa
Máis de 200 cabalos, decenas de xinetes e milleiros de asistentes protagonizan unha edición histórica en Curtis, marcada polo Campionato Galego de Enganches e o espectáculo de Paco Martos
CURTIS feira cabalo teixeiro
3 Aug 2026

A XXV Festa do Cabalo de Teixeiro converteu este domingo a Curtis no gran epicentro do mundo ecuestre en Galicia. A celebración do seu 25 aniversario estivo marcada por unhas cifras de participación e asistencia sen precedentes, consolidando este evento como unha das citas máis destacadas do calendario hípico galego.

O recinto habilitado no polígono industrial de Teixeiro reuniu desde primeira hora da mañá a centos de afeccionados que seguiron o desenvolvemento do Concurso Morfolóxico Oficial da Copa Galicia e das primeiras probas de andadura, tanto na modalidade federada como na non federada. Durante a sesión matinal sucedéronse as competicións nas diferentes categorías de sementais, eguas, cabalos cruzados e ponis.

Esta edición especial destacou tamén polos seus rexistros históricos. En total participaron 204 cabalos inscritos nas distintas probas e 48 cabaleiros e amazonas chegados desde diferentes puntos de Galicia. Ademais, a organización repartiu un total de 6.640 euros en premios entre os diferentes concursos.

A programación continuou pola tarde coa celebración do Campionato Galego de Enganches nas categorías de troncos, limoeira e ponis, unha das competicións máis esperadas polos afeccionados. Outro dos grandes atractivos da xornada foi o espectáculo ecuestre de Paco Martos Horse Show, considerado unha das exhibicións de doma de cabalos máis recoñecidas de Europa e que reuniu a numeroso público.

O acto de clausura contou coa presenza da directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Mar Ferreiro Broz.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, puxo en valor o traballo realizado durante estas dúas décadas e media para consolidar a Festa do Cabalo de Teixeiro. O rexedor destacou que 'a tenacidade, a constancia, o traballo incansábel e a colaboración de tantas persoas e entidades ao longo destes anos foron a clave para converter a Festa do Cabalo de Teixeiro nun verdadeiro referente a nivel nacional'.

Caínzos tamén quixo dedicar unhas palabras ao principal protagonista da celebración, o cabalo. 'Esta é a festa do mellor amigo do ser humano na nosa terra. Hoxe celebramos a nobreza, a forza e o vínculo único que nos une a este animal tan extraordinario, que é o corazón palpitante desta xornada', sinalou.

A XXV Festa do Cabalo de Teixeiro foi organizada polo Concello de Curtis coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Federación Hípica Galega.

0.12073516845703