A Xunta retoca os horarios de catro buses en Cambre para mellorar a ligazón entre O Temple e o IES Afonso X O Sabio

A Xunta de Galicia puxo en marcha desde p 7 de xaneiro de 2026 unha modificación nos horarios de catro servizos de autobús en Cambre co obxectivo de facilitar os desprazamentos entre O Temple e o IES Afonso X O Sabio, situado na Barcala.
Segundo trasladou o Goberno galego, o cambio afecta a servizos de uso xeral e busca ampliar e mellorar as alternativas de mobilidade do alumnado que cursa ensinanzas non obrigatorias no centro, especialmente estudantes de Bacharelato e Formación Profesional procedentes do Temple.
A medida chega tras a solicitude das familias e tamén do Concello de Cambre, que reclamaban unha adaptación do transporte público ás rutinas e necesidades deste estudantado.
En concreto, a revisión supón un axuste de entre 5 e 15 minutos en catro expedicións da liña Aeroporto da Coruña-Aeroporto da Coruña (circular polo Burgo), que pasan a ter saída de luns a venres laborables ás 08.00 horas, 14.15 horas, 15.55 horas e 18.05 horas.
A información actualizada dos servizos pode consultarse online.