A Xunta reforza o apoio ás institucións penitenciarias galegas na festividade de Nosa Señora da Merced
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe nos actos institucionais celebrados no cárcere de Teixeiro con motivo da festividade de Nosa Señora da Merced, patroa das institucións penitenciarias. Durante o evento, Do Campo puxo en valor as diversas liñas de colaboración entre o Goberno galego e os centros penitenciarios da comunidade, facendo especial fincapé no traballo dos equipos de Inclusión Nelson Mandela, presentes en Teixeiro e A Lama.
Estes equipos, parte da Rede de Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, están centrados na preparación dos internos para a vida en liberdade, axudándolles a adquirir habilidades sociais, persoais e laborais que faciliten a súa reintegración na sociedade. Desde a súa implantación en 2008, o programa atendeu a máis de 1.800 reclusos, entre homes e mulleres, e facilitou 288 insercións laborais.
Ademais, Do Campo destacou os acordos asinados entre a Xunta e outras institucións, como o acceso telemático ás historias clínicas do Sergas, que melloran a atención sanitaria ofrecida aos internos. No acto, tamén felicitou a Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, pola recente Medalla de Ouro ao Mérito Social polo seu compromiso coas iniciativas de reinserción nas prisións galegas.