A Xunta reduce os orzamentos para A Coruña e comarca en 2025, cun recorte do 10%

ACoruñaXa
O BNG denuncia a falta de aposta en vivenda e servizos públicos, así como o atraso en proxectos clave como o Chuac e a Intermodal
Barrio de Xuxán na Coruña
21 Out 2024

Os orzamentos da Xunta para 2025 confirman un retroceso nas partidas destinadas á cidade da Coruña e a súa comarca. Segundo o BNG, o montante total pasa de 128 millóns de euros en 2024 a apenas 115 millóns para o vindeiro ano, o que supón unha caída do 10,1%. Este recorte afecta sobre todo á comarca, que verá reducidos os seus recursos nun 33%.

O grupo municipal do BNG critica que estes orzamentos non ofrecen solucións aos principais problemas sociais da cidade, como a falta de políticas de vivenda ou o reforzo de servizos públicos en ensino e sanidade. Ademais, denuncian a opacidade das contas, que dificultan a avaliación das partidas territorializadas.

Entre os proxectos con maior dotación, os 16,6 millóns de euros para a estación Intermodal e os 37,6 millóns para o novo Chuac chaman a atención. Non obstante, o BNG sinala que ambas as partidas evidencian atrasos na súa execución. No caso do Chuac, a cifra orzada é inferior á do 2024, cando se destinaron 41,1 millóns, a pesar de que a previsión era investir 100,5 millóns.

Outro punto crítico é a falta de fondos para escolas infantís e centros de día, e o escaso avance en vivenda de protección oficial, onde só se executou o 33% do orzamento en Xuxán en 2024. Tamén se repiten partidas como a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega e a plataforma flotante do Parrote, que nunca foron executadas en anos anteriores.

O BNG tamén cuestiona o insuficiente incremento do 10% para a Orquestra Sinfónica, que pasa de 300.000 a 330.000 euros, cando a débeda da Xunta coa OSG supera os 5 millóns. Tamén volve aparecer a partida para o Albergue de Peregrinos, que non se executou en 2024, e a do centro de saúde de Santa Lucía, que tampouco foi utilizada no presente exercicio.

 

0.20117092132568