A Xunta preve remetar este verán coa primeira fase das obras da Travesía de Teixeiro en Curtis
A Xunta porá este verán á disposición dos veciños de Curtis a primeira fase da mellora integral da travesía de Teixeiro, que supón un investimento autonómico de 1,3 millón de euros.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá de mércores o avance destas actuacións que está a acometer a Xunta na estrada AC-231, cuxo grao de execución acada xa case o 50%, pero cos traballos máis complexos case rematados, de disposición de novas conducións para resolver os problemas de saneamento e pluviais.
A intervención, que comezou o pasado verán, desenvólvese ao longo de case 1 km de lonxitude en dúas zonas diferenciadas: na propia estrada AC-231 e no camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica.
Durante a visita, Francisco Menéndez detallou que xa se acometeron a rede de pluviais e de saneamento, excepto un pequeno en contacto coa glorieta da N-634; a terceira parte das instalacións de servizos; e unha terceira parte do pavimento das beirarrúas. Ademais, sinalou que na actualidade se están a executar as instalacións de servizos, así como o firme das beirarrúas.
Dentro do proxecto contemplase a canalización da rede de servizos: iluminación, telecomunicacións, electricidade, o que redundará nunha mellora estética, xa que agora estes servizos, na súa meirande parte, van mediante tendidos aéreos.
Francisco Menéndez concretou que, ademais das tarefas en execución, restan os traballos de estendido do firme na estrada, a colocación de mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal. Así mesmo, aproveitou para destacar que con estas actuacións se resolverá problemática de estabilidade na travesía debido ás deficiencias na rede de drenaxe, que provocaba afundimentos periódicos do firme da calzada.
Ademais da propia travesía, tamén se acondicionará o camiño do Centro Etnográfico, ao carón da vía autonómica, nun treito de preto de 500 metros. Neste caso, mellorarase o aparcadoiro, co fresado e disposición dunha nova capa de firme, e renovaranse as instalacións de pluviais ata conectar co colector existente.