A Xunta premia aos gañadores da 7º Edición do Concurso de Carteis Escolares do 8M
A Xunta vén de outorgar os premios da sétima edición do concurso de carteis escolares convocado con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Deste xeito, o xurado vén de decidir entre as 124 propostas presentadas no marco das tres categorías do certame, recoñecendo o traballo de centros educativos da Coruña, Arteixo, Vigo, Moaña, Guitiriz e O Carballiño.
dentro da primeira categoría, dirixida a infantil e aos cursos de primeiro, segundo, terceiro e cuarto de Educación Primaria, obtivo o primeiro premio alumnado de 1º de Primaria do CEIP Seara do concello pontevedrés de Moaña, co seu cartel titulado 'Remando cara á igualdade'. Mentres, o segundo galardón recaeu en alumnas e alumnos de 3º e 4º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga da localidade lucense de Guitiriz, polo seu traballo baixo o lema 'Súmate ao feminismo: búscanse homes feministas'.
Na segunda categoría, para quinto e sexto de Educación Primaria e primeiro e segundo da ESO e de Educación Especial, resultaron gañadoras co primeiro posto dúas alumnas de 1º da ESO do IES Manuel Chamoso Lamas do municipio ourensán do Carballiño, co seu traballo 'Eduquemos na igualdade'. Pola súa banda, o segundo premio foi para alumnas e alumnos de Educación Especial do CPR Agarimo da localidade coruñesa de Arteixo, pola súa proposta 'Igualdade á vista'.
Por último, na terceira categoría, dirixida a terceiro e cuarto da ESO e a primeiro e segundo de Bacharelato, de FP básica ou de ciclos de grao medio e superior, obtivo o primeiro premio alumnado de 1º de Bacharelato do IES Plurilingüe Durmideiras da cidade da Coruña, polo seu cartel titulado 'Aínda queda moito por cambiar'. Mentres, o segundo galardón foi para unha alumna de 4º da ESO do CPR Plurilingüe Alba de Vigo, polo seu traballo 'A loita continúa'.
Cabe engadir que desde o ano 2018, cando comezou a celebrarse este concurso, téñense presentado preto de 700 carteis escolares nas tres categorías do concurso. Das 124 que concorreron este ano, 25 presentáronse na primeira categoría, 50 na segunda e 49 na terceira.
Con este concurso, así como con outras accións convocadas desde a Xunta de Galicia, búscase incidir na importancia de concienciar sobre a igualdade de oportunidades desde idades temperás. Neste caso, o certame que se organiza cada ano converteuse ademais nun espazo de intercambio de ideas e experiencias na loita contra a desigualdade.