A Xunta mellorará o firme de cinco estradas autonómicas ao seu paso por oito concellos da provincia
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta vén de adxudicar por importe de 1.764.815 euros as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso por 8 concellos da provincia da Coruña.
Neste sentido, o contrato asinarase nos vindeiros días e as obras comezarán, previsiblemente, ao longo do mes de agosto. Os traballos, adxudicados á empresa Canarga, S. L., contan cun prazo de execución aproximado de 5 meses.
O obxectivo da intervención é mellorar as características funcionais da vía e súa seguridade viaria en varios treitos das estradas AC-136, AC-221, AC-230, AC-542 e AC-934, que discorren polos concellos de Oza-Cesuras, Curtis, Oleiros, Sada, Cambre, Sobrado, Betanzos e Abegondo.
As actuacións consistirán na rehabilitación superficial localizada do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características superficiais do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Tamén se realizarán melloras na drenaxe, a sinalización, nos sistemas de contención e no balizamento, así como a limpeza de gabias existentes.
O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 53 millóns de euros á súa conservación.