A Xunta mellora a subministración de auga no polígono de Teixeiro e para a veciñanza de Curtis

ACoruñaXa
As melloras beneficiarán a máis de 5.000 habitantes e ás empresas do polígono empresarial de Teixeiro, garantindo un subministro eficiente ata 2042
Imaxe da Xunta en Curtis
31 Ago 2024

A Xunta de Galicia culminou un investimento de máis de 2,6 millóns de euros en obras destinadas a mellorar a subministración de auga ao polígono empresarial de Teixeiro e ao conxunto da veciñanza do Concello de Curtis. Estas actuacións, recentemente rematadas e cofinanciadas con fondos europeos, beneficiarán a unha poboación estimada de máis de 5.000 habitantes co horizonte de 2042.

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, acompañado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, visitou hoxe a estación de tratamento de auga potable (ETAP) para avaliar os resultados das obras. As melloras incluíron o incremento da captación de auga do río Mandeo, a optimización da rede de abastecemento e a ampliación da capacidade da ETAP, ademais da instalación dunha nova liña de lodos para xestionar os rexeites.

Fernández destacou que estas melloras son un exemplo da boa colaboración entre a Xunta e o Concello de Curtis, e reafirmou o compromiso de Augas de Galicia de seguir prestando apoio técnico e económico aos concellos para garantir unha xestión eficiente do saneamento e abastecemento de auga. Este compromiso queda reflectido nos orzamentos da Xunta, que asignaron 85 millóns de euros para actuacións de saneamento e 23 millóns para a mellora dos sistemas de abastecemento municipais.

0.13882899284363