A Xunta mantén que non hai plans inmediatos para abrir na Coruña un centro de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual

ACoruñaXa
Tras activar a finais de 2024 cinco recursos en Galicia (con dous na provincia, en Santiago e Ferrol), o Goberno galego di que ‘analiza os datos’ e non descarta novos puntos; o BNG insiste en que a cidade precisa un propio tras un aumento do 31% das denuncias nos últimos catro anos
GALICIA centros crise violencia 24h
8 Jan 2026

A Xunta de Galicia non prevé neste momento abrir na cidade da Coruña un centro de crise 24 horas para a atención a mulleres vítimas de violencia sexual, malia o incremento das denuncias que denuncia o BNG. A conclusión despréndese da resposta parlamentaria remitida á deputada Mercedes Queixas, na que o Executivo autonómico evita comprometer un novo equipamento específico para a urbe e remite a cobertura aos dispositivos xa existentes na provincia.

O Bloque Nacionalista Galego sostén que as denuncias por violencia sexual medraron un 31% na Coruña nos últimos catro anos e cualifica a situación de ‘alarmante’, polo que reclama un recurso 24 horas na cidade, que supera os 250.000 habitantes. Na súa iniciativa, Queixas defende que fan falta máis medios públicos, tanto para prevención como para garantir unha atención inmediata ás vítimas despois dunha agresión.

Na contestación oficial, a Consellería de Política Social e Igualdade lembra que Galicia ten en funcionamento desde finais de 2024 cinco centros de crise 24 horas (un por provincia e ‘un máis do que esixe a normativa’), localizados nas áreas hospitalarias de Vigo, Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol.

Sobre a provincia da Coruña, a Xunta recalca que existen dous puntos (Santiago e Ferrol), integrados nas respectivas áreas hospitalarias, con atención presencial e telefónica as 24 horas para as mulleres que o requiran. E engade que ‘analiza con detalle’ os datos destes recursos e que, ‘en función das necesidades’, non descarta abrir novos puntos de atención.

O debate arredor destes centros leva meses presente na axenda política. Xa en 2024 a Xunta anunciara a posta en marcha dos cinco centros galegos e presentáraos como un reforzo clave, asegurando que estarían operativos no ano. Nese mesmo período, o Goberno galego tamén cargou contra o Executivo central ao pedir un protocolo común e ao lamentar que non se achegasen fondos para o mantemento destes servizos.

En novembro de 2025, a Xunta chegou a vincular a posibilidade dun centro específico na Coruña a que o financie o Estado, á espera de datos de funcionamento para xustificar unha nova apertura.

⚙ Configurar cookies
0.079057931900024