A Xunta mantén a alerta laranxa en todo o litoral galego por ondas de ata seis metros

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O vento tamén contará con aviso amarelo nas zonas de costa e na montaña de Lugo e Ourense
temporal coruña
18 Nov 2026

A Xunta mantén a alerta laranxa en todo o litoral galego polo temporal marítimo, con ondas que poderán alcanzar os seis metros de altura. O aviso permanecerá activo durante toda a xornada de hoxe, mércores, e tamén durante o xoves, e estenderase ata a madrugada do venres.

Ademais, durante estas dúas xornadas, as zonas costeiras galegas estarán tamén en alerta por vento, con especial incidencia nos puntos máis setentrionais do litoral.

Por outra banda, a alerta amarela por vento afectará tamén á comarca da Mariña e ás zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense durante a tarde deste mércores.

O temporal continúa así activo e causando problemas no territorio autonómico. O 112 Galicia xestionou un total de 568 incidencias relacionadas co temporal de chuvia e vento desde a medianoite do luns ata as 18.00 horas deste martes, 220 delas durante esta última xornada. A maioría estiveron relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas, con 203 casos, ademais de desprendementos, caída de cables e danos en tellados e muros. Non se rexistraron danos persoais.

A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 224 incidencias, seguida de Pontevedra, con 179; Lugo, con 108, e Ourense, con 54. Entre os municipios con máis avisos destacan Santiago, Vigo, A Estrada e Ponteareas.

O temporal tamén obrigou a suspender desde media tarde o transporte marítimo de ría entre Vigo e O Morrazo polas condicións meteorolóxicas adversas.

Pola súa banda, a Xunta mantén activo o plan Inungal en fase de preemerxencia para vixiar os cursos fluviais, aínda que ningunha estación supera os niveis de seguimento establecidos.

0.093047857284546