A Xunta manifesta o seu apoio ao Goberno central para que asuma as compensacións aos mariscadores do Burgo
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, acompañada pola directora territorial de Mar en Coruña, María Cancelo, participaron no encontro a tres bandas con representantes da confraría da Ría do Burgo e a subdelegada do Goberno, María Rivas, para abordar a finalización da execución das obras de dragaxe da Ría do Burgo e o abono por parte do Goberno central das compensacións aos mariscadores afectados por esta obra.
Desde o Goberno galego trasladouse, unha vez máis, a máxima colaboración para a tramitación das axudas aos profesionais como así se fixo no seu momento aportando a información precisa para a realización dos cálculos das compensacións económicas aos profesionais afectados polo cese de actividade marisqueira a causa destes traballos. Desde a administración autonómica amosouse o seu apoio ás demandas do sector para que o Estado cumpra coa totalidade das súas obrigas como promotor da obra e asuma as compensacións correspondentes ata que os bivalvos acaden a talla comercial.
A Consellería do Mar puxo o foco na propia declaración de impacto ambiental do Goberno central para este proxecto que sinala que o cese de actividade inclúe o período que transcorre desde que finalice a obra ata que os moluscos podan ser extraídos e comercializados. Nesta liña, defenderon que resulta incomprensible a negativa do Executivo central a seguir sufragando as compensacións económicas ao colectivo de mariscadores como se viña facendo ata o momento, incumprindo os seus compromisos cos traballadores e tratando de trasladar as súas responsabilidades a outras administracións.
Desde a Xunta destacan o cambio de actitude do Goberno estatal, que estivo ausente en varias das reunións convocadas pola confraría, e que contrastaba coa da Consellería do Mar, cuxos representantes acudiron a todas as citas ás que foron convocados amosando a máxima colaboración co pósito na procura de solucións que permitan retomar a actividade marisqueira na ría do Burgo nas mellores condicións posibles. Nesta liña, resaltaron a vontade de colaborar na realización de proxectos na zona que encaixen coas liñas de axudas existentes e no marco das competencias autonómicas.