A Xunta licita un contrato de 9,2 millóns para os laboratorios sanitarios da Coruña e Cee

A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación dun contrato de subministro sucesivo por un importe de 9.224.630 euros. O obxectivo é cubrir as necesidades dos laboratorios da área sanitaria da Coruña e Cee en canto a material necesario para a realización de determinacións de tipo bioquímico e inmunoquímico. O contrato terá unha duración inicial de dous anos.
A licitación inclúe o subministro de reactivos e analizadores precisos para medir os parámetros bioquímicos e inmunoquímicos nas probas que se realicen nos laboratorios dos hospitais Teresa Herrera da Coruña e Virxe da Xunqueira de Cee. Estes laboratorios realizan, anualmente, máis de 12 millóns de determinacións no caso do hospital coruñés e arredor de 700.000 probas no hospital de Cee.
As determinacións de laboratorio, que son análises biolóxicas, teñen como finalidade detectar ou diagnosticar enfermidades a través da identificación de compoñentes químicos e procesos fisiolóxicos presentes nas mostras.
O contrato tamén inclúe a dotación do equipamento e software necesario para levar a cabo estas análises. Entre o material solicitado están alicuotadores, centrífugas, neveiras, así como todo aquel material funxible imprescindible para realizar os estudos.
As empresas interesadas en participar neste procedemento de licitación teñen ata o 4 de xuño para presentar as súas ofertas e poder formar parte deste importante subministro para os laboratorios dos hospitais da área sanitaria da Coruña e Cee.