A Xunta inviste 149.000 euros na mellora de infraestructuras e equipamentos municipais
A directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto, visitou este martes Curtis para coñecer os resultados das obras feitas e das dotacións adquiridas ao longo de 2023 a través das distintas liñas de axudas de apoio ás administracións locais con achegas que suman 149.000 euros. Trátase da mellora da vía desde Castro de Ares ata Oza-Cesuras, de equipamento integral para oficina municipal e da compra de maquinaria de mantemento.
Durante a visita, Natalia Prieto, acompañada polos dous alcaldes destas localidades e concelleiros, comprobou as actuacións no vial que discorre dende a localidade de Castro de Ares (parroquia de Trasanquelos) ata a estrada AC230 xa que a calzada conecta ambos concellos.
A mellora da vía fíxose cun investimento de 50.000 euros. Dándolle así resposta a unha solicitude conxunta de Curtis e de Oza-Cesuras, xa que a calzada conecta ambos os concellos. Coa achega permitiuse a ampliación do ancho, a creación de novas cunetas, a renovación do firme e o pintado de sinalización horizontal co obxectivo de garantir a seguridade viaria.
En concreto a Xunta de Galicia aportou 49.500 euros e os Concello de Curtis e Oza- Cesuras aportaron 25.000 euros cada un cos que se permitiu a ampliación do ancho, a creación de novas cunetas, a renovación do firme e o pintado de sinalización horizontal co obxectivo de garantir a seguridade viaria.
Melloras nas oficinas do Concello
A continuación, a directora xeral achegouse á oficina municipal, na que se instalou diverso mobiliario e equipamento, ademais de tarima no solo co correspondente illamento. Tamén se habilitaron dous novos despachos. Ao igual que a anterior, a actuación enmarcouse na Orde de infraestruturas de uso público, cunha achega da Xunta de 36.000 euros. Búscase así mellorar o confort dunhas instalacións que albergan diferentes espazos e áreas de atención á cidadanía.
A maiores, Natalia Prieto puido comprobar a maquinaria adquirida a través do Fondo de Compensación Ambiental e do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. Por unha banda, dun vehículo destinado á protección e conservación do ambiente e do medio natural e, por outra, dúas trituradoras e un perforador para limpeza e mantemento de cunetas e de zonas verdes. O investimento do Goberno galego foi de 34.000 e 29.000 euros, respectivamente.
As actuacións e adquisicións comprobadas na visita representan o conxunto de iniciativas executadas o pasado ano polo Concello de Curtis coas axudas específicas de apoio ao eido local da Administración autonómica. Xunto coas de anos anteriores, o investimento do Goberno galego nas melloras en infraestruturas e servizos municipais nesta localidade supera os 2 millóns euros.