A Xunta investirá en mellorar a competitividade dos parques empresariais de Coirós e Oleiros

ACoruñaXa
Estes apoios, en colaboración cos concellos, contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas
Imaxe da visita da delegada da Xunta na Coruña a Coirós
15 Jul 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde Coirós, Francisco Quintela, visitaron o polígono industrial de Pedrapartida para anunciar un investimento de preto de 90.000 euros para a construción dun aparcamento e dunha glorieta. Este investimento únese ao realizado, o ano pasado, que contou cunha axuda da Xunta de 70.000 euros, para mellorar os equipos de protección contraincendios deste parque empresarial.

A delegada aclarou que esta axuda encádrase dentro da orde de axudas da Xunta para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, que conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros. Concretamente, na comarca da Coruña recibirán estes apoios o concello de Coirós de máis de 89.000 euros e o polígono industrial de Oleiros para a mellora das infraestruturas viarias do polígono de Icaria que contará cunha axuda de 120.000 euros do Goberno autonómico,

Estes apoios, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinados á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.

A delegada da Xunta explicou que esta liña de axudas “contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”. Neste sentido, aclarou que “encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas”.

0.07749605178833