A Xunta investirá 30.000 euros para cubrir o patio e crear un almacén na escola infantil pública de Carral

A escola infantil pública autonómica de Carral contará cun novo patio cuberto e cun almacén grazas a un investimento da Xunta de preto de 30.000 euros. O anuncio fíxoo este domingo a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante unha visita ao centro na que estivo acompañada polo alcalde, José Luis Fernández.
Segundo explicou a Consellería, as obras prevén levantar un almacén e prolongar a cuberta do patio existente para conectar ambas as estruturas, de maneira que a zona exterior quede completamente protexida e poida utilizarse ao longo de todo o ano polo alumnado.
A intervención en Carral forma parte dun novo programa de melloras en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos (de titularidade autonómica e municipal), dotado con preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social. No caso da provincia da Coruña, o plan abrangue tamén centros noutros concellos como A Laracha, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Fisterra, Oroso, Ortigueira, Ponteceso, Porto do Son e Vedra.
A Xunta sinala que serán os propios concellos os que liciten e executen os traballos, coa previsión de que estean rematados antes de decembro de 2026.
No marco da visita, García puxo o foco nas políticas de conciliación e no impulso á educación infantil, lembrando que a gratuidade do 0-3 cumpre o seu cuarto curso e que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a maior taxa de escolarización do Estado nesta etapa, con case un 65% (uns 15 puntos por riba da media).