A Xunta inicia os trámites para a construción de 500 vivendas protexidas en Xuxán
A Xunta vai iniciar a tramitación para o cambio de uso de solo para permitir a construción de 500 vivendas protexidas en Xuxán. Así o avanzou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que, xunto co director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, clausuron onte a xornada Sostibilidade e industrialización na promoción de vivendas, organizada pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña, APROINCO e a consultora Deloitte.
Martínez Allegue adiantou que proximamente se prevé a presentación do documento de inicio para a modificación de cambio de uso de dúas mazás de Xuxán propiedade da Xunta. Esta modificación de uso terciario a residencial posibilitaría construír arredor de 500 novas vivendas protexidas no ámbito.
Avanzou, ademais, que a Xunta destinará este ano máis de 37 millóns de euros a axudas para mellorar a eficiencia enerxética nas vivendas galegas.
Concretou que está previsto destinar máis de 32 millóns de euros ás subvencións de eficiencia enerxética, que sumados aos 5 millóns de euros que executará directamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo, suporán máis de 37 millóns de euros consignados a este fin.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salientou que a Xunta conta cun ambicioso programa de axudas destinadas á mellora da eficiencia enerxética, que acada tanto as vivendas xa construídas como as que se atopan en fase de edificación ou proxecto.
Sinalou que estes incentivos se dirixen tanto aos edificios como ás vivendas illadas, xa sexan unifamilares ou integradas en urbanizacións.
Uso dos fondos Next Generation
Martínez Allegue puxo ademais en valor á comunidade galega, ao presentar dos mellores índices de cumprimento dos fondos Next Generation destinados á eficiencia enerxética, achegándose ao 100% nos recursos recibidos ata agora.
Garantiu que a Xunta cumprirá coa máxima execución nas novas convocatorias de fondos previstas para este ano, agardando poder incrementar con máis recursos porque hai capacidade para gastalos nos obxectivos propostos.
Remarcou que cómpre seguir avanzando na axilización dos prazos de execución de inmobles, no aumento da eficiencia dos procesos produtivos e na redución do consumo de enerxía, ao tempo que se incrementa a calidade das vivendas e o benestar dos seus habitantes.
Tamén resaltou a aposta pola innovación, impulsando experiencias piloto para explorar novas formas de construción. A este respecto, xa se realizaron dúas probas de execución de vivendas de promoción pública modulares, desenvolvéndose a meirande parte do proceso en fábrica. Trátase de pequenas promocións en concellos rurais, co obxectivo de valorar as posibilidades de aplicar estes sistemas á construción de vivendas de promoción pública.
Ademais, dixo, estase a traballar no uso da madeira na construción, moi presente en actuacións de rehabilitación e progresivamente, cunha presenza crecente nas vivendas de obra nova.
Subliñou que a vivenda é un asunto prioritario para este novo Goberno galego, pois trátase dun piar fundamental do estado de benestar. Neste sentido, avogou pola implicación de todos os axentes públicos e privados implicados nesta materia.
Martínez Allegue concluíu defendendo a importancia de encontros como o desta mañá para poder afondar nos desafíos compartidos no eido da vivenda e na colaboración para afrontalos.