A Xunta incorpora catro autobuses híbridos articulados nas liñas interurbanas de Oleiros e A Coruña

ACoruñaXa
Os novos vehículos, con capacidade para 150 pasaxeiros e etiqueta ECO, melloran a accesibilidade e inclúen wifi gratuíto, enchufes USB e medidas de seguridade avanzadas
Novos atobuses articulados entre Oleiros e A Coruña
18 Sep 2024

A rede de transporte interurbano da Xunta na área metropolitana da Coruña continúa a súa aposta pola modernización coas incorporacións de catro autobuses híbridos articulados, que operarán principalmente nas liñas que conectan San Pedro de Nós, en Oleiros, con Entrexardíns. Estes novos vehículos foron presentados hoxe nun acto no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Os novos autobuses, que pertencen á empresa Alsa, son unidades híbridas cunha capacidade para 150 persoas, incrementando nun 50% o número de prazas en comparación cos autobuses convencionais. Estes vehículos tamén destacan pola súa etiqueta ambiental ECO, o que subliña o compromiso da Xunta cunha mobilidade sostible e respectuosa co medio ambiente.

Ademais da súa gran capacidade, estes autobuses son totalmente accesibles, contando con ramplas e dúas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. Están equipados con tecnoloxías avanzadas, como wifi gratuíto, enchufes USB para a comodidade dos pasaxeiros, e dispositivos de seguridade de última xeración. Este conxunto de melloras tecnolóxicas busca ofrecer unha experiencia de viaxe máis cómoda e eficiente para os usuarios das liñas interurbanas.

Diego Calvo destacou o esforzo continuo da Xunta na modernización das frotas de transporte público, cunha clara aposta por vehículos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. A iniciativa forma parte do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do programa Next Generation EU, que destina case 36 millóns de euros a dúas convocatorias específicas para a mellora do transporte público galego.

O conselleiro salientou que o investimento anual da Xunta en transporte público supera os 140 millóns de euros, o que permite que a idade media dos vehículos do transporte interurbano en Galicia sexa de 5,7 anos, significativamente inferior á media estatal, que supera os 11 anos. Ademais, máis do 90% da frota de autobuses en Galicia conta con categoría ambiental C ou ECO.

Incremento da demanda de transporte interurbano

No primeiro semestre de 2024, a demanda de transporte público interurbano na provincia da Coruña medrou un 9%, chegando a case 20 millóns de viaxeiros, con máis de 10 millóns de usuarios rexistrados nas liñas da provincia. Este incremento débese, en parte, ás melloras introducidas pola Xunta, como o sistema tarifario único, que inclúe transbordos gratuítos e as tarxetas Xente Nova e +65, que permiten aos menores de 21 anos e aos maiores de 65 gozar de ata 60 viaxes de balde ao mes.

A presentación destes novos autobuses enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que se celebra ata o domingo 22 de setembro baixo o lema "Espazo público compartido", co obxectivo de promover formas de desprazamento máis sostibles, seguras e accesibles para todos os cidadáns.

 

 

0.17697381973267