A Xunta impulsa formacións en prevención de riscos laborais no sector forestal

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os cursos, con 15 horas de formación práctica, están dirixidos a traballadores e profesionais do sector forestal e terán lugar en concellos das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra
Imaxe recurso de prevención de riscos laborais
15 Ago 2024

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, está a desenvolver un programa formativo en prevención de riscos laborais específico para o manexo de motoserra e rozadoira no sector forestal. Despois de iniciar as sesións na Estrada (Pontevedra), a formación trasladarase nas vindeiras semanas aos concellos de As Somozas e Curtis, na provincia da Coruña; Baralla e Alfoz, en Lugo; e Xinzo de Limia, en Ourense.

Estes cursos, destinados a persoas traballadoras e profesionais do sector, precisan de inscrición previa e teñen como obxectivo fomentar a adquisición de habilidades en prevención de riscos laborais, contribuíndo a mellorar a seguridade no traballo e reducir os accidentes no sector forestal e nas actividades de silvicultura.

A formación, de carácter eminentemente práctico, consta de 15 horas lectivas distribuídas en tres xornadas, e contará cun máximo de 15 participantes por grupo para asegurar as condicións de seguridade e a distancia interpersoal. Durante as sesións, abordarase a seguridade no traballo, o manexo seguro de maquinaria forestal, o uso de equipos de protección individual, a planificación de tarefas, primeiros auxilios e as prácticas de uso seguro de motoserra e rozadoira.

A documentación técnica destes cursos foi elaborada polo grupo de traballo forestal do Issga, en colaboración con entidades como Fearmaga, LugoMadera, Ence e Finsa, adaptándose ás particularidades do sector e dos seus profesionais. O persoal docente, con ampla experiencia no ámbito da prevención, asegurará que os contidos sexan claros e aplicables ás condicións reais de traballo no monte, incluíndo pautas para afrontar riscos específicos como a presenza da vespa velutina ou a aplicación do protocolo PAS en casos de accidentes en zonas illadas.

Paralelamente, o Issga reforza estas actividades formativas con campañas preventivas dirixidas ao sector forestal, co obxectivo de incrementar a conciencia sobre os riscos laborais e promover unha cultura preventiva en todas as etapas do proceso produtivo. Estas campañas inclúen orientacións para a prevención en traballos de tala e roza, así como a planificación de labores en áreas perigosas do monte, co fin de reducir os accidentes e mellorar a seguridade dos traballadores do sector.

0.190838098526