A Xunta e o Concello da Coruña colaborarán para avanzar na apertura do porto á cidade

ACoruñaXa
Inés Rey convocará a todas as Administracións implicadas na fachada marítima a un cumio na Coruña este mesmo mes para avanzar na integración dos peiraos
Imaxe da reunión de Alfonso Rueda e Inés Rey
10 Maio 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantiveron este venres unha reunión de traballo cun único asunto na orde do día: o futuro dos peiraos interiores e da fachada marítima coruñesa. O encontro, solicitado pola rexidora para avanzar na integración dos espazos portuarios na cidade, serviu para poñer en común o interese das partes en avanzar nun asunto que, segundo a alcaldesa, "é un proxecto de cidade que trascende a un mandato e á propia cidade e é relevante para o futuro de Galicia".

O encontro, celebrado en San Caetano, desenvolveuse nun clima de cordialidade, marcado pola boa sintonía e polo interese de ambas parte de avanzar no proxecto de integración. "Ábrese unha nova etapa de colaboración interadministrativa", indicou a alcaldesa.

Rey e Rueda acordaron deixar o debate sobre o futuro do porto "fóra da contienda política", buscando a forma de avanzar de xeito coordinado e sen trabas. Ambas partes selaron o que Rey calificou como "pacto de Estado" para avanzar sen atrancos no futuro do porto. Nesa liña, a alcaldesa anunciou que convocará a todas as partes implicadas na fachada marítima este mesmo mes de maio en María Pita, no mesmo escenario no que a rexedora xuntou a todos os actores o 23 de febreiro do 2021, o primeiro encontro celebrado en 17 anos de todas as partes implicadas.

A vontade do Goberno municipal, compartida pola Xunta, é avanzar ao longo deste mandato na integración e apertura do porto, dando pasos firmes que permitan a maior transformación urbanística da cidade en décadas, transformación que se levará a cabo en terreos que seguirán a ser públicos e que deberá facerse baixo os criterios da maior calidade urbana e da creación de novos servizos para as e os cidadáns. Tanto Rey como Rueda dan por superados os convenios asinados no 2004, coincidindo en qué é preciso un novo marco regulatorio para os terreos portuarios.

Rueda, ademais, amosou o seu compromiso a traballar da man do Concello no desenvolvemento da reurbanización dos Cantóns, a denominada Fase Cero da integración portuaria, ao representar dito espazo a porta de entrada aos peiraos interiores.

0.21609401702881