A Xunta e a Fundación Juana de Vega actualizarán a guía de impacto e integración paisaxística
Este luns o director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Enrique de Salvador, e representantes da Fundación Juana de Vega, reuníronse para acordar a colaboración de ambas institucións na actualización da Guía de estudos de impacto e integración paisaxística.
A Guía de estudos de impacto e integración paisaxística foi a primeira publicación da colección 'Paisaxe Galega', que consta xa de 17 publicacións, que teñen como obxectivo ofrecer unha ferramenta de divulgación dos valores paisaxísticos da Comunidade así como contribuír a acadar unha correcta integración de diversos tipos de actuacións coa contorna.
Precisamente, ao ser a primeira destas publicacións, cómpre actualizar os seus contidos para adaptalos ás especificacións do regulamento da lei de protección da paisaxe, do Catálogo das paisaxes e das directrices da paisaxe, que foron aprobadas despois da redacción da devandita guía.
Nesta liña, o IET, ente dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e a Fundación Juana de Vega veñen de iniciar os contactos para levar a cabo unha revisión integral da publicación coas adaptacións á normativa, coa descrición das pautas para a elaboración dos estudos e tamén coa proposición de metodoloxías e criterios aplicables a casos reais de proxectos que deben realizar un estudio de impacto e integración paisaxística.
O obxectivo é que a guía sexa unha ferramenta de consulta, polo que se primarán criterios de fácil comprensión, linguaxe non abstracta e contidos completos, pero sintéticos.