A Xunta destina máis de 276.000 euros a recuperar bancos marisqueiros en Miño

A recuperación dos bancos marisqueiros de Miño dá un novo paso coa sinatura do convenio entre a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a confraría de pescadores do municipio. O acordo permitirá mobilizar 276.087 euros para rexenerar zonas afectadas polos temporais e polos episodios excepcionais de baixa salinidade rexistrados a comezos deste ano.
As actuacións desenvolveranse nunha superficie total de 691.087 metros cadrados, principalmente nos bancos situados entre o final da Praia Grande de Miño e Punta Allo, así como entre a Canle de Hervás e Punta Curbeiros.
O plan inclúe traballos de acondicionamento do substrato con medios manuais e mecánicos para mellorar o hábitat das especies marisqueiras. Tamén se levarán a cabo accións de control do cangrexo verde en Bañobre e tarefas de retirada da ostra xaponesa, unha especie invasora que compite cos recursos autóctonos.
Outra das medidas destacadas será o rareo e traslado de ameixa fina, ameixa xaponesa e berberecho entre distintos bancos, co obxectivo de favorecer o seu crecemento e mellorar o rendemento produtivo. Ademais, o proxecto contempla o preengorde de semente en Bañobre e Porto de Miño e a posterior sementeira dun millón de exemplares de ameixa fina procedentes do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.
A iniciativa implicará a 18 persoas mariscadoras da confraría, que poderán percibir ata 700 euros mensuais durante o período de recuperación da actividade.
O convenio forma parte do plan extraordinario da Xunta para rexenerar os bancos marisqueiros galegos, dotado con preto de 23 millóns de euros.