A Xunta destaca o impacto das cooperativas escolares na comarca de Ordes en prol da creación de emprego

ACoruñaXa
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no acto de presentación destes proxectos nos que están implicadas medio cento de persoas entre alumnado e profesorado de catro centros educativos da bisbarra
Imaxe da xornada 'Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas'
Imaxe da xornada 'Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas'
7 Xuño 2024

Este venres celebrouse en Ordes a xornada 'Construíndo unha comarca mellor. As nosas cooperativas', na que se presentaron os proxectos desenvolvidos por arredor de medio cento de persoas entre profesorado e alumnado de 3º e 4º da ESO das materias relacionadas con emprendemento, iniciación á actividade emprendedora e empresarial de catro centros da comarca (CPI Xanceda, CPI Ponte Carreira, CPI O Cruce e IES Maruxa Mallo).

Alí, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, destacou a aposta destas cooperativas escolares pola sustentabilidade e pola xeración de emprego pegado ao territorio no campo da economía social, unha fórmula empresarial que -dixo- apoia de xeito decidido a Xunta de Galicia.

No acto, que tamén serviu para presentar outras iniciativas locais no eido do cooperativismo para intercambiar experiencias e extraer conclusións, a directora xeral recordou que esta mesma semana se publicaron os centros galegos recoñecidos no certame Cooperativismo no ensino co que o Goberno autonómico busca difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia. Entre os galardoados, sinalou, o proxecto empresarial cooperativo Arroutada, Sociedade Cooperativa Galega presentado polo alumnado do IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña e a iniciativa Cooperativa Educativa RecreaT do IES Castro da Uz das Pontes de García Rodríguez.

Así mesmo, fixéronse públicas as cooperativas galardoadas cos Premios á Cooperación 2024, recoñecendo a posta en valor dos valores cooperativos, o mellor proxecto cooperativo novo e a traxectoria cooperativa. Neste caso, e por esta orde, resultou distinguida unha iniciativa de economía solidaria que agrupa a persoas consumidoras que teñen acceso a produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto; unha cooperativa que ofrece ás mulleres un espazo de encontro destinado tamén ao asesoramento e á formación e, por último, un proxecto centrado na produción baixo o selo de calidade de Ternera Gallega Suprema.

Exemplos coma estes, segundo Marta Mariño, demostran a amplo abano que ofrece a economía social para o emprendemento como vía de desenvolvemento das contornas onde se asentan os negocios. Engadiu que o Goberno galego mostra o seu compromiso con este tipo de iniciativas destinando este ano un 3% máis ca en 2023 á economía social, ata superar os 43,6 millóns de euros.

Rede Eusumo e Rede de polos

A xornada que tivo lugar na Casa da Cultura de Ordes enmárcase no programa de actividades da Rede Eusumo da Xunta. Unha Rede que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades interesadas en emprender e a través de accións de formación, divulgación e asesoramento.

Así mesmo, o acto inclúese na axenda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que conta con 13 centros activos no conxunto do territorio galego, tres deles na provincia da Coruña: os de Ferrol, Coristanco e Melide. No seu conxunto, a Rede ten acompañado xa máis de 1.900 proxectos empresariais en toda a Comunidade.

 

0.16223812103271