A Xunta destaca na 'II Feira de emprego: encontros 45+' da Coruña as políticas autonómicas de emprego

ACoruñaXa
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na apertura desta iniciativa que promove a Cámara de Comercio da Coruña, co apoio da Administración autonómica
Imaxe da feira de emprego organizada pola Cámara de Comercio da Coruña
Imaxe da feira de emprego organizada pola Cámara de Comercio da Coruña
15 Maio 2024

Este mércores comezou na Coruña a II Feira de emprego: encontros 45+. Na que o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta, Pablo Fernández, participou salientando a importancia de aplicar dun xeito eficaz e eficiente as políticas activas de emprego para seguir mellorando o mercado de traballo e dar máis oportunidades a aqueles colectivos con máis dificultades para acceder a un posto laboral, como son os maiores de 45 anos.

No evento, que organizou por segundo ano a Cámara de Comercio da Coruña, co apoio da Administración autonómica, Fernández referiuse aos diferentes programas de apoio que ten en activo a Xunta para incentivar a contratación das persoas sen emprego en Galicia. É o caso de Galicia Emprega, co prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Cos apoios desta actuación autonómica finánciase a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción.

Para iso, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste este ano 17,4 millóns de euros para apoiar a contratación indefinida entre a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (9.000 euros), mulleres (10.000 euros), emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 euros).
Como novidade nesta edición, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo, que contarán para a súa contratación cun apoio base de 9.000 euros.

Fernández tamén fixo fincapé na importancia de casar oferta con demanda e apoiar, como o está a facer a Xunta, unha formación para o emprego baseada nos perfís profesionais que están a demandar as empresas galegas. Tamén referiuse á ferramenta Emi, que co uso da intelixencia artificial é un software que está a dotar ao Servizo Público de Emprego dos recursos necesarios para que as empresas poidan localizar o mellor talento ao tempo que as persoas que recorren a el conseguen consolidar a súa traxectoria profesional.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais puxo en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa da Xunta coa que se asesorou desde a súa posta en marcha, en xullo de 2022, máis de 1.800 proxectos de diferentes sectores.

0.1905460357666