A Xunta destaca na Coruña o poder do audiovisual como medio de expresión para a mocidade

ACoruñaXa
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu na Filmoteca de Galicia á proxección de estrea das películas realizadas polo alumnado do programa Cinema en Curso
Imaxe do alumnado participante no Cinema en Curso
14 Xuño 2024

Este venres realizouse o na Filmoteca de Galicia, na Coruña, ao acto de estrea dos tres filmes documentais rodados polos 59 escolares de 5º e 6º de Primaria de tres centros de ensino galegos co que se clausura Cinema en Curso 2023-2024, o programa internacional de pedagoxía do audiovisual organizado pola asociación A Bao A Qu e coordinado en Galicia pola cinemateca da Xunta.

No evento estuvi presente o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que destacou o potencial do audiovisual, no que se sustenta Cinema en Curso, como ferramenta de expresión e formación da mocidade a través do coñecemento e da creación artística neste medio, xa que a través del se practica a capacidade de atención sobre a realidade, aspecto que incide en valores como o fomento da autonomía e da independencia individual, a cooperación e colaboración en equipo ou a a asunción de responsabilidades individuais e colectivas. “Cremos que o cinema é unha arte privilexiada para coñecer e descubrir o mundo”, afirmou o conselleiro, ao tempo que felicitou o alumnado participante por amosar as súas realidades máis cotiás a través do cine, en galego, e con tanto respecto cara aos temas abordados.

O programa Cinema en Curso, iniciativa internacional que inclúe territorios de España, Chile, México, Colombia, Alemaña, Eslovenia, Lituania e Serbia, desenvolveu ao longo do ano académico diferentes obradoiros e filmacións a cargo dos CEIPs da Reigosa (Ponte Caldelas), A Rúa (Cangas) e Tenorio (Cerdedo-Cotobade), aos que se sumou o CEIP O Mosteirón (Sada). Nas sesións periódicas traballáronse diferentes aspectos da ficción e mais do documental, partindo dunha metodoloxía educativa fundamentada no vínculo entre ver cine e facer cine. En Galicia, participaron nesta edición un total de 789 estudantes e 13 docentes, ademais dos cineastas Alejandro Tarraf, Carla Andrade e Fon Cortizo, que titorizaron os traballos.

Tres documentais sobre a realidade próxima

Despois do acto de benvida, ao que tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a Sala José Sellier iniciou a proxección de O zoar no ar, un retrato documental sobre Faustino, un apicultor que realiza todo o proceso de recollida do mel de xeito artesanal. O filme foi realizado por 14 estudantes do CEIP A Reigosa (Ponte Caldelas) co acompañamento do director de cine Alejandro Tarraf.

Migallas de tradición é o documental proposto desde o alumnado do CEIP de Tenorio, no municipio de Cerdedo-Cotobade. Acompañados pola cineasta Carla Andrade, 22 escolares descúbrennos o proceso de elaboración do pan artesanal na panadaría da vila.

A conservación da memoria do lugar é a temática de Na memoria do muíño, a película realizada por 23 estudantes do CEIP A Rúa, de Cangas, co acompañamento de Fon Cortizo. Nesta peza documental faise un retrato do último muiñeiro do Muíño de Fausto, na parroquia de Coiro, ao tempo que se recupera toda unha serie de tradicións e persoas vinculadas a preservar a memoria do lugar.

Tras as estreas de hoxe na Filmoteca de Galicia, as tres películas presentaranse este mes de xuño nos seus lugares de orixe: Na memoria do muíño o sábado 15 ás 17,00 h. no Auditorio Miunicipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas; O zoar no ar o martes 18 ás 20,00 horas na praia fluvial A Calzada de Ponte Caldelas; e Migallas de tradición o xoves 20 no Auditorio de Cerdedo-Cotobade. Ademais, esta última peza proxectarase antes en Tabakalera (Donosti). Será este luns, 17 de xuño, con presenza do alumnado. Posteriormente, estrearanse en liña no sitio web de Cinema en curso e no da Filmoteca de Galicia, ademais de pasar a formar parte del fondo fílmico da cinemateca.

Formación de novos públicos

Co obxectivo de formar novos públicos, a Filmoteca de Galicia desenvolve, ademais de Cinema en Curso, outros programas en colaboración cos centros educativos, como CineD, Novas Miradas (con sete títulos proxectados diante de 130 rapaces e rapazas de cinco colexios), ou Filmoteca Júnior, con 10 filmes exhibidos para 1.300 escolares de 12 centros.

Destaca tamén a actividade Fotografía en curso, na que se realizaron nove proxectos fotográficos en 12 centros educativos coa participación de case 700 alumnos e 43 docentes.

Todas estas iniciativas iniciativas pedagóxicas reuniron neste curso que finaliza preto de 3000 alumnos e alumnas e 165 docentes de 33 centros de ensino.

0.11060500144958