A Xunta defende na Coruña a necesidade de xulgados específicos de violencia sobre a muller en todas as cidades galegas

ACoruñaXa
O conselleiro Diego Calvo lembra ás seis mulleres vítimas destes últimos días en España durante a visita ao Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña
Imaxe da visista ao xulgado na Coruña
17 Xul 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reivindicou hoxe a importancia de que todas as cidades galegas teñan un xulgado específico para a loita contra a violencia sobre a muller. Así o salientou esta mañá na visita á nova sede do Xulgado de Violencia Sobre a Muller de A Coruña, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

A Xunta vén de trasladar este xulgado do edificio xudicial situado na rúa de Monforte á sede da Audiencia Provincial na antiga Fábrica de Tabacos. Esta actuación forma parte das medidas levadas a cabo polo Goberno galego para consolidar e reforzar a atención ás vítimas de violencia de xénero e outros colectivos vulnerables como menores de idade ou persoas con discapacidade. O traslado inclúe a dotación de salas de espera separadas para as vítimas, a instalación das dependencias da Oficina de Asistencia ás Vítimas, que tamén conta con salas de espera, e a habilitación dun despacho para o persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

Despois dun percorrido polas instalacións renovadas, Diego Calvo comezou a súa intervención lembrando ás seis mulleres asasinadas nos últimos días en España. Nesta liña, destacou a importancia da loita contra a violencia de xénero e a creación dunha Dirección Xeral específica contra a violencia cara á muller, así como a boa coordinación entre a Administración autonómica e os servizos de xustiza.

Calvo lembrou tamén que en 2023 a Administración autonómica solicitou ao Goberno central a creación dun xulgado específico de Violencia sobre a Muller para Santiago de Compostela, similar aos de A Coruña e Vigo, pero foi rexeitado. Por iso, reiteraron a solicitude na reunión do pasado maio da Comisión Mixta de Xustiza, de acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por último, o conselleiro agradeceu a todas as persoas que colaboran na loita contra a violencia de xénero, destacando que o seu compromiso fai de Galicia un lugar mellor e máis seguro.

0.18141293525696