A Xunta decreta o nivel de alerta vermello e laranxa no interior de Pontevedra e A Coruña polas altas temperaturas

GaliciaXa | ACoruñaXa
A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo
Ola de calor
12 Jun 2026

No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, este venres activarase o nivel de alerta 3 (vermello) por episodio de calor na zona isoclimática do Interior de Pontevedra e nivel de alerta 2 (laranxa) nas zonas isoclimáticas do Noroeste da Coruña e o Interior da Coruña.

MeteoGalicia informa que as altas presións están localizadas desde hoxe ao norte da península Ibérica, achegando aire moi cálido de orixe norteafricana. A presenza desta masa de aire cálido xunto cos ceos moi abertos, que propicia a situación anticiclónica, farán que as temperaturas ascendan notablemente desde esta mesma tarde.

As xornadas con temperaturas máis elevadas serán o venres e o sábado, cando se agarda que as máximas superen os 35º en moitos puntos do interior de Pontevedra. As mínimas aínda serán suaves mañá venres pero, durante a madrugada do sábado, poderá darse unha noite tropical, con mínimas que non descenderán por debaixo dos 20º nalgúns puntos. Polo tanto, o sábado combinaranse elevadas temperaturas ao longo de todo o día tanto nas mínimas como nas máximas.

No caso do deporte, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, determinou, para mañá venres, a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior en concellos do interior de Pontevedra. Os municipios e os horarios afectados poden consultarse na web Deporte Galego.

A situación de forte calor podería ir remitindo lentamente na xornada do domingo.

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais.
Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

Zonas en alerta

O nivel 3 (vermello) afectará ao Interior de Pontevedra (formado polos concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces).

O nivel 2 (laranxa) declárase nas zonas isoclimáticas de:

  • Noroeste da Coruña (formada polos concellos de Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior)
  • Interior da Coruña (que inclúe os concellos de Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar).

Efectos sobre a saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpes de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.

A calor excesiva pode alterar as nosas funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos.

Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.

0.12872195243835