A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña esixe un calendario real para as obras do novo CHUAC

O atraso nas obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) levou a Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña e Cee a trasladar formalmente a súa preocupación á Consellería de Sanidade. O organismo rexistrou este luns, 16 de novembro, un escrito dirixido ao conselleiro no que reclama un calendario actualizado e realista dos traballos, información sobre o seu financiamento e solucións aos problemas que, segundo denuncia, están a afectar tanto aos pacientes como aos profesionais.
A representación dos traballadores lembra que as primeiras previsións situaban a posta en marcha do novo complexo en 2027, mentres que os prazos que se manexan actualmente apuntan a 2032, sen que o proxecto estea aínda completamente rematado. Por iso, considera necesario coñecer as datas de inicio e finalización de cada fase, os trámites pendentes e as razóns dos atrasos.
A situación actual tamén ten consecuencias na actividade asistencial. No escrito, a Xunta de Persoal advirte de que o servizo de Urxencias do CHUAC traballa en condicións que cualifica de deplorables, con pacientes agardando nos corredores. A falta de camas de hospitalización impide trasladar a planta as persoas que teñen indicado o ingreso, prolonga a súa estadía en Urxencias e contribúe á saturación do servizo.
A esta situación súmase a presenza de terceiras camas en habitacións de distintas unidades de hospitalización, o que, segundo denuncia o colectivo, dificulta a mobilización de pacientes dependentes e compromete as condicións de seguridade tanto das persoas ingresadas como do persoal sanitario.
Aparcadoiro e problemas de acceso ao hospital
Outro dos principais motivos de preocupación é a mobilidade. A Xunta de Persoal sinala que a demolición do viaduto de acceso, coñecido como 'escalextric', sen habilitar unha alternativa suficiente está a provocar atascos continuos e dificultades para chegar ao hospital. A situación afecta tanto a pacientes como a traballadores, que se atopan con retencións e tempos de espera para acceder ao recinto.
O aparcadoiro é outra das reivindicacións centrais. O colectivo asegura que a falta de prazas afecta ao conxunto do persoal, con independencia do seu horario ou quenda, e advirte de que o transporte público non constitúe unha alternativa eficaz para moitas persoas que se desprazan desde outros concellos. Ademais, denuncia que, segundo a información trasladada pola Xerencia nunha reunión coa Xunta de Persoal, o novo CHUAC contará cun aparcadoiro para profesionais de pagamento e sen prazas gratuítas.
Ante este escenario, os representantes dos traballadores reclaman un plan de accesibilidade que reduza os atascos e garanta prazas suficientes e gratuítas para o persoal, tanto durante as obras como cando entre en funcionamento o novo complexo.
O documento presentado ante a Consellería inclúe cinco demandas principais: un calendario actualizado das obras, información detallada sobre o financiamento dispoñible e comprometido, unha explicación do proxecto asistencial definitivo (incluído o futuro do Hospital Materno-Infantil e do Hospital Oncolóxico), medidas inmediatas para mellorar as condicións de Urxencias e da hospitalización, e un plan de accesibilidade e aparcadoiro.
A Xunta de Persoal tamén solicita unha reunión coa Consellería, previa entrega da información reclamada, e un seguimento periódico dos compromisos e das incidencias que afectan aos traballadores. O escrito está asinado pola presidenta do órgano de representación, Lucía Peón Soutiño.