A Xunta convoca unha nova poxa pública de gando vacún Rubia Galega criada no CIAM de Mabegondo

ACoruñaXa
Está dirixida a gandeiros e gandeiras interesados en incorporar exemplares desta raza autóctona ás súas explotacións
Imaxe do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)
23 Jun 2025

A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha nova poxa pública de 58 exemplares de gando vacún da raza Rubia Galega, criados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A cita será o vindeiro 1 de xullo, ás 11.30 horas, no salón de actos do propio centro.

Dos animais que sairán a poxa, 40 son xovencas preñadas, resultado do labor investigador que se está a desenvolver no CIAM en materia de mellora xenética. O obxectivo principal destes traballos é “a recuperación das aptitudes maternais da raza Rubia Galega”, que conta no centro con un dos rabaños máis relevantes da comunidade.

A convocatoria está dirixida a gandeiros e gandeiras interesados en incorporar exemplares desta raza autóctona ás súas explotacións. A licitación e os detalles dos lotes están dispoñibles na web da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e as persoas que desexen participar deberán formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Como novidade, os licitadores poderán coñecer os animais de primeira man durante as visitas organizadas ao CIAM o 30 de xuño (de 10.00 a 13.00 horas) e o mesmo día da poxa, 1 de xullo (de 9.00 a 11.o0 horas). A organización pon ao dispor dos interesados o número de teléfono 881 881 806 para resolver calquera dúbida.

Esta iniciativa dá continuidade á poxa celebrada o pasado ano, na que se adxudicaron máis de 50 animais a un total de 13 explotacións, acadando un volume total de vendas de máis de 94.000 euros, cun incremento do 18 % respecto ao prezo de saída.

O CIAM continúa así co seu labor de impulso da Rubia Galega, raza autóctona que se beneficia das investigacións desenvolvidas no centro para mellorar a súa calidade e optimizar a rendibilidade das explotacións. A finca do CIAM, cunha extensión de máis de 300 hectáreas, reserva 65 delas exclusivamente para o coidado destes rabaños, que destacan pola súa pureza ao non estar sometidos a intereses comerciais.

⚙ Configurar cookies
0.17923903465271