A Xunta construirá no barrio coruñés de Xuxán dúas vivendas sociais

ACoruñaXa
O plan da Xunta é construír neste barrio coruñés 1.600 vivendas protexidas entre promoción pública e privada
Imaxe do barrio de Xuxán na Coruña
12 Mar 2024

A Xunta de Galicia prevé iniciar antes do verán a construción de 40 vivendas protexidas de promoción pública e lanzar a licitación doutras 50 no barrio coruñés de Xuxán. Así o destacou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, durante o acto de entrega de dúas VPP neste barrio que quedaran vacantes como consecuencia da renuncia dos seus adxudicatarios iniciais.

As dúas vivendas pertencen ao lote de 40 (da parcela Z-11) entregadas a finais de novembro do ano pasado en réxime de alugueiro aos seus adxudicatarios e que supuxeron un investimento total de máis de 7,5 millóns de euros. Mentres, a promoción que se pretende comezar a levantar antes do verán -tamén con 40 vivendas- correspóndese coa parcela Z-13 e suma un orzamento de arredor de 8 millóns de euros.

Durante o acto celebrado esta mañá de martes, a responsable autonómica salientou que estas actuacións se enmarcan nas medidas do Goberno galego para facilitar o acceso da poboación a unha vivenda e lembrou que a obra da parcela Z-13 xa está adxudicada, polo que pediu ao Concello da Coruña axilidade na concesión da licencia para poder iniciar os traballos de construción o antes posible.

En canto ás outras 50 vivendas (correspondentes coa parcela Z-38), a vicepresidenta segunda en funcións detallou que nestes momentos se está a ultimar a redacción do proxecto de construción e a continuación prevese licitar as obras de edificación cun investimento total aproximado de 9 millóns de euros.

Estas 90 vivendas pendentes de construír estarán ademais en edificios enerxeticamente eficientes pois serán cofinanciadas con fondos europeos do programa Next Generation, que apoian a construción de vivendas públicas sustentables. Nesta liña, a elas destinaranse preto de 4,8 millóns de euros de recursos europeos.

A previsión do Executivo galego é construír 1.600 vivendas protexidas -de promoción pública e privada- no barrio de Xuxán. Delas, 500 dependen dun cambio de uso dos terreos -de terciario a residencial- que ten que realizar o Concello modificando o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). De feito, a Xunta mantivo distintos contactos nos últimos meses co Goberno local e enviaralle unha nova proposta o vindeiro mes para avanzar neste sentido.

A conselleira Ángeles Vázquez salientou tamén a importancia de habilitar solo residencial para atender as necesidades de vivendas en cidades como A Coruña  como a última adxudicación de cinco parcelas en dereito de superficie para a construción de vivendas destinadas ao mercado de alugueiro. Estas adxudicacións, que se beneficiaron do programa de fomento da construción de vivendas en alugueiro en solo público, contaron con axudas por importe de 12 millóns de euros sobre un investimento subvencionable de case 46 millóns de euros.

Dúas VPP entregadas

As vivendas entregadas hoxe en réxime de alugueiro correspóndense coa promoción desenvolvida na parcela Z-11 e prodúcense trala renuncia dos seus primeiros adxudicatarios. O investimento nesta promoción superou os 7,5 millóns de euros e as vivendas -que inclúen garaxe e rocho e contan cunha superficie que oscila entre os 66 e os 107 metros cadrados- son entregadas en réxime de alugueiro por un importe mensual que se sitúa entre algo máis de 90 euros e preto de 170 euros, cunha media de 133 euros ao mes por vivenda.

O edificio conta cunha cualificación enerxética A en consumo de enerxía primaria non renovable e en emisións de dióxido de carbono. Ademais está dotado con paneis solares cos que se obtén auga quente sanitaria para subministrar as vivendas.

 

0.20662188529968