A Xunta concede 129 axudas para mercar vivenda protexida e esgota os 1,5 millóns dispoñibles

A Xunta concedeu 129 axudas para a adquisición de vivenda protexida en Galicia, cun orzamento total de 1,5 millóns de euros, esgotando así o crédito dispoñible nesta convocatoria.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo este venres un encontro na Coruña con persoas beneficiarias destas achegas. A cidade foi a que rexistrou un maior número de concesións, cun total de 69.
Estas subvencións, financiadas integramente con fondos autonómicos, foron convocadas no mes de abril e teñen como obxectivo facilitar o acceso da cidadanía a unha vivenda protexida de promoción autonómica en réxime xeral.
No caso das vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, como A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, as axudas poden chegar ata os 20.000 euros para menores de 36 anos e ata os 16.000 euros para persoas de 36 ou máis anos.
No resto de municipios galegos, as achegas alcanzan ata os 16.000 euros para menores de 36 anos e ata os 12.000 euros para compradores de 36 ou máis anos.
Allegue lembrou ademais que a Xunta elevará ata os 45 anos a idade máxima para acceder ao Aval Mozo, destinado a cubrir o 20% do aval hipotecario para a compra da primeira vivenda. Tamén destacou a reserva do 30% das vivendas públicas en compra para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos, e do 25% para menores de 36.
A conselleira reiterou tamén a petición ao Goberno central para que o IVE da vivenda protexida se rebaixe ao 4%, ao igual que o da vivenda pública.