A Xunta aposta en Curtis pola vivenda pública sostible con técnicas innovadoras
A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe en Curtis as instalacións de Rodiñas Pretensados, unha empresa galega especializada na fabricación e montaxe de elementos prefabricados de formigón e cunha técnica innovadora de forxado mixto de madeira e formigón. Acompañada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, a conselleira aproveitou para destacar a aposta da Xunta polo uso das técnicas industrializadas na construción de vivenda pública de calidade e sostible.
María M. Allegue subliñou que o obxectivo da Xunta nesta lexislatura é duplicar o parque de vivenda pública ata as 4.000 unidades, ademais de desenvolver solo para 25.000 vivendas máis, das cales 20.000 serán protexidas. Indicou que, nos primeiros seis meses, xa se avanzou significativamente con 1.600 vivendas en diferentes fases de execución, das cales a metade están en fase de construción.
A conselleira resaltou a importancia da colaboración público-privada e destes encontros coa industria para responder á crecente demanda de obra pública, que require solucións innovadoras como as técnicas preindustrializadas e o uso de materiais sostibles como a madeira. No caso do proxecto en San Paio de Navia (Vigo), exemplificou a estratexia da Xunta ao combinar proxecto e obra mediante estas técnicas, que axudan a reducir tempos de execución e promoven a sostibilidade ambiental.
María M. Allegue puxo en valor esta iniciativa, que ademais de cubrir a demanda de vivenda, impulsa a economía galega, contribúe á descarbonización e fomenta o uso de recursos locais para un futuro máis sostible.