A Xunta ánima aos promotores inmobiliarios a apostar polas vivendas sociais
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, animou este mércores na Coruña aos promotores privados a apostar pola vivenda protexida e aproveitar a oportunidade histórica que supoñen os fondos europeos que xestiona Galicia.
Durante a súa participación na presentación da promoción Alquiler50. Parque ofimático, de Galivivivienda, a vicepresidenta segunda en funcións incidiu en que a colaboración entre a Xunta e os promotores é clave para dar resposta ás demandas da cidadanía en materia de vivenda.
Ángeles Vázquez, puxo en valor que a promotora Galivivienda impulse a construción de 224 vivendas no barrio coruñés de Xuxán, que serán destinadas a alugueiro durante un prazo de, polo menos, 50 anos. Eses inmobles edificaranse nas catro parcelas que o pasado verán lle cedeu Xestur á entidade en dereito de superficie durante 50 anos.
“Trátase dunha modalidade moi vantaxosa xa que permite ás promotoras acceder a solo público a cambio do pago dun canon moi reducido, que equivale ao 0,10% do prezo da parcela”, explicou a vicepresidenta segunda en funcións, que engadiu que, unha vez pasados eses 50 anos, as parcelas e as vivendas volverán a mans da Xunta, pasando a formar parte do seu parque público residencial.
A maiores, indicou que o Goberno galego concedeu a esta promotora unha axuda de 10,8 millóns de euros no marco da convocatoria dirixida a promotores públicos e privados para construír vivendas en alugueiro a prezos taxados en solo público, que se financian cos fondos europeos que corresponden a Galicia.
Máis polo miúdo, cómpre indicar que, durante eses primeiros 50 anos, o prezo da renda non poderá superar o máximo establecido para as vivendas protexidas de réxime xeral nese municipio. E, por outra banda, os futuros adxudicatarios deberán usar os inmobles como residencia habitual e permanente, estar inscritos no rexistro de demandantes de vivenda e acreditar uns ingresos que non superen 4,5 veces o IPREM.
Aposta da Xunta polo barrio coruñés de Xuxán
Este proxecto súmase á aposta da Xunta polo barrio de Xuxán, onde xa se entregaron 40 vivendas aos seus adxudicatarios e onde está previsto iniciar a construción doutras 40 antes deste verán, cun investimento de 8 millóns de euros. E, ademais, segundo explicou a representante autonómica, estase a ultimar a redacción do proxecto de construción para licitar outras 50 vivendas, que contarán cun orzamento de 9 millóns de euros.
O obxectivo do Goberno galego é construír, en total, 1.600 vivendas protexidas, entre promoción pública e privada. Nese senso, a vicepresidenta segunda en funcións lembrou que 500 desas vivendas dependen dun cambio de uso dos terreos que debe levar a cabo o Concello a través dunha modificación do PXOM. De feito, Ángeles Vázquez avanzou que a Xunta enviará unha nova proposta ao respecto o vindeiro mes.
Para concluír a vicepresidenta segunda en funcións lembrou que o Goberno galego leva anos dándolle unha relevancia especial ás políticas de vivenda. Así, ademais de ter executadas xa o 90% das medidas previstas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, en 2023 aprobou a Estratexia de vivenda pública e protexida, que, cun investimento de 250 millóns de euros, prevé reforzar nun 50% o parque público residencial ata superar as 5.600 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro e impulsar a construción doutras 3.000 en solo público por parte de promotores privados.