A Xunta anima a solicitar as axudas para coidadores de gando e destaca a creación de 75 empregos desde 2023

ACoruñaXa
O Goberno galego destinará en 2026 preto de 570.000 euros a esta liña para previr os ataques do lobo e manter abertas outras axudas por danos ao sector
CARRAL xunta axudas gando
19 Dec 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou este xoves en Carral ao sector gandeiro a solicitar as axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando como medida preventiva fronte aos ataques do lobo. Durante a súa visita a unha explotación de gando ovino, a responsable autonómica puxo en valor que, desde a posta en marcha desta liña en 2023, xa se permitiu contratar 75 persoas cun investimento global de 1,3 millóns de euros.

Segundo explicou, esta é a cuarta convocatoria destas axudas, que contan cada ano cun maior número de solicitudes. Para o exercicio de 2026, a Xunta destinará preto de 570.000 euros a esta iniciativa, orientada a apoiar ás explotacións de gando en extensivo na contratación de persoal encargado de tarefas de pastoreo e manexo das reses, especialmente naquelas zonas con maior risco de predación.

A orde de axudas, cuxo prazo de solicitude xa está aberto, diríxese a titulares de explotacións de gando bovino, ovino, cabrún e equino inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA). As subvencións cobren a contratación dunha persoa coidadora por solicitante, cunha axuda de ata 16.500 euros, que pode chegar ao 100% dos gastos subvencionables. Tamén se contempla a posibilidade de solicitar un anticipo de ata o 50% do importe concedido, cun límite máximo de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa.

Ángeles Vázquez reiterou o compromiso do Goberno galego de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e conservación do lobo en Galicia. Neste sentido, lembrou que a Consellería destina tamén 360.000 euros a outra liña de axudas para a prevención de danos, que inclúe a adquisición e mantemento de cans protectores, pastores eléctricos e cerrumes móbiles electrificados. Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas se publicará unha nova convocatoria para subvencionar a instalación de valados fixos.

Paralelamente, continúa aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a paliar os danos causados polo lobo ao sector agrogandeiro, que en 2026 contan cun orzamento de preto de 600.000 euros. Estas compensacións están dirixidas a propietarios de gando afectado por ataques comunicados ao teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, con contías que varían segundo a especie e a idade dos animais e que poden incrementarse nun 10% se se comproba a aplicación efectiva de medidas preventivas.

⚙ Configurar cookies
0.077531099319458