A Xunta amplía o convenio con Afaco para manter o centro terapéutico en Salvador Madariaga por catro anos máis
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta mañá, o centro terapéutico de Afaco (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de A Coruña) situado na avenida de Salvador de Madariaga para comprobar o funcionamento do mesmo e o traballo que realizan os profesionais que poñen os seus coñecementos e o seu traballo ao servizo dos enfermos que padecen esta doenza e das súas familias.
Na visita a delegada da Xunta informou aos responsables da entidade que a Xunta acaba de renovar o convenio que lles permitirá seguir empregando o centro terapéutico de Salvador de Madariaga durante outros catro anos máis. Asimesmo, lembrou que AFACO conta cun dos locais que se puxeron a disposición das asociacións socio-sanitarias no espazo Amizar
Tras un percorrido, no que estivo acompañada pola presidenta de AFACO, María del Carmen Martínez Pulleiro, e por outros membros da xunta directiva, a delegada destacou a importancia do labor realizado pola entidade e a calidade dos servizos que brinda.
A representante do Goberno autonómico resaltou o firme compromiso da Xunta coas entidades que, como Afaco, axudan a quen ten demencia e as súas familias que, como apuntou a propia Belén do Campo, “necesitan apoio para afrontar a súa tarefa como coidadores”.
Neste senso lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade ten abertas con esta entidade, nas convocatorias de 2023, dúas liñas de colaboración no eido de maiores, que lles permite financiar ata 15 prazas de atención diúrna e 20 de transporte ao centro de día con máis de 160.000 euros e no eido da violencia de xénero unha subvención para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero cunha axuda de máis de 34.000 euros, una orde que se volverá a convocar este verán.
A delegada tamén destacou que a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o ano pasado, recibiron máis de 22.000 euros para a contratación de traballadores desempregados para as entidades sen ánimo de lucro, esta orde sairá convocada de novo este verán. As persoas contratadas melloran a súa preparación profesional e adquiren experiencia neste centro.