A Xunta activa alertas por calor nas catro provincias galegas e suspende actividades deportivas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | PontevedraXa | OurenseXa
As altas temperaturas previstas ata o mércores obrigarán a aplicar restricións e reforzar as recomendacións sanitarias para evitar efectos sobre a saúde
temperatura-termometro-calor
21 Jun 2026

A Xunta de Galicia activa este domingo, 21 de xuño, diferentes niveis de alerta por episodio de calor nas catro provincias galegas no marco do Plan de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.

A decisión foi adoptada a partir das previsións facilitadas por MeteoSalud e Meteogalicia, que alertan da chegada dunha masa de aire moi cálida procedente do norte de África que permanecerá sobre Galicia ata o mércores.

Segundo as previsións meteorolóxicas, a presenza de altas presións ao norte da península Ibérica, combinada con ceos despexados e numerosas horas de insolación, provocará un incremento significativo das temperaturas, que poderán alcanzar valores especialmente elevados en distintos puntos da comunidade.

  • O nivel 1 de alerta, correspondente ao aviso amarelo, estará activo nas zonas isoclimáticas da Mariña, Centro de Lugo, Noroeste de Ourense, Miño de Ourense e Sur de Ourense.
  • O nivel 2, identificado coa cor laranxa, afectará ás áreas do Noroeste da Coruña, Sur de Lugo e Valdeorras.
  • Pola súa banda, o nivel 3, correspondente á alerta vermella, activarase no Interior da Coruña, Centro de Lugo, Montaña de Lugo, Montaña de Ourense e Interior de Pontevedra, as áreas consideradas de maior risco durante este episodio.

Entre os municipios afectados por cada zona isoclimática atópanse, no Noroeste da Coruña, localidades como A Coruña, Arteixo, Carballo, Ferrol, Narón, Oleiros ou Pontedeume; no Interior da Coruña, Ames, Arzúa, Melide, Santiago de Compostela, Teo ou Santa Comba; na Mariña, Ribadeo, Viveiro, Foz, Burela e A Pontenova; no Centro de Lugo, Lugo, Sarria, Vilalba e Castro de Rei; na Montaña de Lugo, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Becerreá; no Sur de Lugo, Monforte de Lemos, Chantada e Quiroga.

Tamén se inclúen no Noroeste de Ourense municipios como O Carballiño, Boborás ou San Cristovo de Cea; no Miño de Ourense, Ourense, Ribadavia e Barbadás; en Valdeorras, O Barco, A Rúa e Rubiá; na Montaña de Ourense, A Veiga, Castro Caldelas ou Viana do Bolo; no Sur de Ourense, Verín, Xinzo de Limia e Celanova; e no Interior de Pontevedra, Lalín, A Estrada, Silleda e A Cañiza, entre outros concellos recollidos na relación oficial.

Como consecuencia desta situación, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, decidiu suspender a actividade deportiva federada e a correspondente ao programa Xogade ao aire libre nas zonas afectadas polos avisos vermello e laranxa entre as 12.00 e as 20.00 horas.

No caso das actividades náuticas ou acuáticas, estas non terán limitacións nos municipios costeiros afectados polo aviso laranxa. Nos concellos do interior poderán realizarse, aínda que se recomenda evitar a súa práctica entre as 12.00 e as 17.00 horas. Os municipios e horarios afectados poden consultarse na web de Deporte Galego.

AFECTACIÓNS E RECOMENDACIÓNS

A Consellería de Sanidade lembra que a exposición a temperaturas elevadas pode provocar diversos problemas de saúde como mareos, debilidade, cansazo, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación ou golpes de calor. A maior parte destas afeccións son consecuencia dunha alteración do sistema natural de regulación térmica do organismo.

As altas temperaturas tamén poden modificar o funcionamento normal do corpo humano cando este non é capaz de compensar os cambios térmicos. A calor excesiva favorece a perda de líquidos e electrólitos necesarios para o funcionamento adecuado dos órganos, ademais de poder agravar determinadas enfermidades ou descompensar persoas sometidas a tratamentos médicos específicos.

Os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, especialmente bebés menores dun ano; persoas con enfermidades cardiovasculares, como insuficiencia cardíaca, enfermidades cerebrovasculares ou arteriopatías periféricas; persoas con diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou outras patoloxías similares e enfermidades psiquiátricas.

Tamén se inclúen persoas sometidas a determinados tratamentos farmacolóxicos, como medicamentos con efecto anticolinérxico ou diuréticos, así como persoas con elevado consumo de alcol. Entre as situacións de maior vulnerabilidade tamén se atopan as persoas maiores que viven soas, persoas en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso ou insuficiencia de peso, traballadores, deportistas e persoas que pasan moitas horas ao aire libre.

Sanidade recomenda incrementar a inxesta de líquidos sen esperar a ter sede, especialmente auga e zumes lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té, refrescos con cola ou bebidas con exceso de azucre; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas abundantes e optar por comidas máis lixeiras e frecuentes.

Tamén se recomenda manter os alimentos refrixerados e extremar as medidas de hixiene, utilizar roupa lixeira e folgada de tecidos naturais e cores claras, empregar sombreiros, lentes de sol e protección solar, ademais de utilizar calzado fresco e transpirable.

Entre outras recomendacións tamén figura permanecer en lugares ventilados ou climatizados, buscar espazos con sombra, utilizar as habitacións máis frescas da vivenda, baixar persianas durante o día e abrir as xanelas pola noite para facilitar a ventilación, evitar actividades ao aire libre nas horas de maior calor e reducir a actividade física.

A Consellería de Sanidade lembra igualmente a importancia de non deixar nunca no interior dos vehículos nenos nin persoas maiores coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir síntomas compatibles con esgotamento ou golpe de calor recoméndase solicitar asistencia sanitaria urxente a través do 061.

As autoridades tamén recomendan prestar especial atención a familiares ou veciños que vivan sós para comprobar que seguen as recomendacións establecidas e manteñen un estado de saúde adecuado.

0.13053607940674